Xoves, 23 Xaneiro de 2025

Ponteareas desprázase á Subdelegación do Goberno para esixir unha reunión sobre os prazos das obras de mellora da N-120

Representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos colectivos veciñais acudirán o luns 15 de novembro a Pontevedra para reclamar información sobre o calendario e os orzamentos das distintas fases

Ponteareas tomará medidas ante a falla reiterada de información sobre as obras de mellora da N-120 e a creación da variante que debe conectar esta vía coa A-52. O vindeiro luns 15 de novembro, representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos numerosos colectivos veciñais das parroquias de Ponteareas afectadas pola rede viaria do Estado desprazaranse á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para esixir que a responsable, Maica Larriba, reciba á alcaldesa ponteareá  e a representantes veciñais e dea contas sobre o calendario e os orzamentos dispoñibles para as distintas fases destas obras.

Esta medida acordouse no último encontro entre os grupos políticos da Corporación municipal e os colectivos sociais despois de que a Subdelegación do Goberno non respondera con datos concretos a toda a información solicitada á subdelegada dende o Concello nos últimos días.

Nun escrito, a Subdelegación asegura que o proxecto de seguridade viaria da N-120 atópase na corrección de aspectos menores antes de comezar o seu período de exposición pública e alegacións ao anteproxecto e que o Ministerio está a impulsar a Declaración de Impacto Ambiental necesaria para a variante entre a PO-403 e a N-120. Non obstante, non facilita prazos nin da exposición pública, nin da redacción do proxecto final, nin da licitación. “Non nos vale a resposta, queremos prazos concretos que poidamos verificar. Somos conscientes de que nestes procesos os prazos teñen un carácter orientador, pero o certo é que o Ministerio non ten achegado nin a máis mínima información sobre o horizonte temporal co que traballa”, salienta a rexedora, Cristina Fernández Davila.

A alcaldesa recorda que a demanda de seguridade na N-120 e a da variante “están enriba da mesa do Goberno do Estado dende hai varias décadas. Nestes anos téñense sucedido anuncios, promesas… pero sempre sen prazos. Por iso é comprensíbel que o Concello reclame nestes intres información máis rigorosa e concreta por parte do Ministerio que permita coñecer non só os compromisos, senón sobre todo as previsións. Non nos cansaremos de insistir as veces que sexa preciso na necesidade de que o Goberno acompañe os compromisos dun calendario que permita valorar a súa credibilidade e comprobar a súa correlativa expresión orzamentaria”.