11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas comeza un proceso participativo para elaborar un plan de convivencia que...

    Ponteareas comeza un proceso participativo para elaborar un plan de convivencia que mellorará a calidade de vida no municipio

    A través dunha enquisa a veciñanza pode achegar as súas opinións para a súa redacción

    No marco da elaboración do futuro Plan de Convivencia e Civismo, o Concello de Ponteareas vén de poñer en marcha un proceso participativo para implicar a toda a veciñanza no traballo de diagnose dos problemas de convivencia na vila e na definición das medidas e solucións que o Concello deberá implementar no futuro.

    O Plan de Convivencia e Civismo ten como obxectivo “acadar unha vila e unhas parroquias coidadas, agradábeis, limpas, saudábeis e seguras”, sinala o concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera. Para iso “é fundamental o respecto ao espazo público de convivencia e aos dereitos das demais persoas”. Co Plan preténdese “fomentar o civismo e erradicar os comportamentos que deterioran a convivencia e danan a calidade de vida da veciñanza”.

    A veciñanza poderá dar a súa opinión e facilitar información e ideas a través dunha enquisa en liña dispoñíbel na web do Concello de Ponteareas. Ademais, nos vindeiros días distribuirase entre toda a poboación un tríptico informativo no que se inclúe un código QR para acceder directamente ao cuestionario. A enquisa divídese en cinco bloques temáticos relativos á limpeza, aos ruídos, á mobilidade, ao uso do espazo e dos bens públicos e á seguridade e saúde. A veciñanza poderá pronunciarse sobre a frecuencia, importancia e lugares nos que se producen diferentes problemáticas de convivencia e cales son as súas causas, ademais de propoñer accións e medidas para darlles solución dende o Concello.

    Co Plan de Convivencia e Civismo o goberno municipal quere abordar os problemas de limpeza nos espazos públicos como a presenza de lixo, cabichas de tabaco, depósito de residuos fóra dos colectores, cartelaría en fachadas, excrementos e miccións de cans ou pintadas. En materia de ruídos, a enquisa refírese aos producidos no interior de locais de hostalaría ou en terrazas, por actividades industriais, eventos, tráfico ou actividades nocturnas de carga e descarga, entre outras. No relativo á mobilidade as problemáticas sobre as que se pide opinión veciñal son o exceso de velocidade e condución temeraria ou baixo efectos de alcohol ou drogas e a ocupación por vehículos de espazos reservados a peóns ou a persoas con mobilidade reducida. Respecto á seguridade e saúde, os problemas asociados ao botellón, o paseo de cans incumprindo normas de seguridade coma a correa, as edificacións en ruína, os cheiros desagradábeis ou a presenza de roedores ou pragas en zonas públicas conforman a listaxe neste apartado. Por último, no relativo ao uso dos espazos e bens públicos, pídese opinión respecto á súa ocupación por terrazas de hostalaría, o xogo con balóns en prazas, a presenza de bicicletas e patinetes en zonas peonís ou o vandalismo sobre mobiliario urbano.

    Coa diagnose que se obteña a través desta enquisa e das que se están a realizar internamente en diferentes departamentos municipais, o Concello elaborará un Plan de Convivencia e Civismo que determinará as medidas a adoptar en catro ámbitos: o dos medios materiais e humanos e normas xurídicas necesarias para afrontar os problemas, o relativo á educación e concienciación social, o referente á creación de incentivos e alternativas fronte as condutas incívicas e, por último, o que atinxe ás medidas e procedementos sancionadores. No plano xurídico, o Concello prevé aprobar, ao remate do proceso, unha Ordenanza de Convivencia e Civismo que establecerá os dereitos e obrigas cidadáns así como o marco sancionador fronte ás condutas incívicas.

    O concelleiro, Roberto Mera, animou ao conxunto da veciñanza “a participar na enquisa porque todas as opinións, propostas e ideas que recibamos servirán para acertar na diagnose dos problemas e atinar na toma de decisións para solucionalos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.