Ponteareas comeza a renovar todo o seu alumeado. As rúas das parroquias de Fontenla, Prado, San Mateo e Pías xa contan con luminarias novas e máis eficientes, no marco do plan da Concellería de Vías, Obras e Alumeado, que dirixe Chus Garrote, para mellorar o aforro enerxético e a seguridade cidadá. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destaca que estas intervencións, financiadas nun 80 % con fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) e cun 20 % restante con fondos propios Concello, “permitirán aforrar a Ponteareas cerca de 500.000 euros en enerxía”.
Chus Garrote explica que se substituirán 7.560 luminarias e 155 cadros de mandos, o que tamén supón un aforro de 1.712,79 toneladas de CO2 emitidas a atmosfera e unha clara melloría da seguridade cidadá para circular polas rúas en horas sen luz natural. A concelleira tamén quere lembrar á veciñanza que nas parroquias onde comezaron as obras quedaron algunhas luminarias sen cambiar porque “teñen algunha particularidade que precisa dunha intervención máis especializada”, pero incide en que “serán renovadas nunha segunda volta”.
A edil tamén destaca que as luminarias elixidas contan cunha tecnoloxía pioneira que se “anticipa ás tendencias futuras en iluminación viaria que xa se están empezando a esixir para acceder a determinadas subvencións derivadas de Europa”. Con estas luminarias hai unha redución importante da luz esparexida á atmosfera, diminuíndo a contaminación luminosa e favorecendo o confort e a saúde das persoas. Tamén se contemplan no proxecto solucións luminosas especiais para reforzar a iluminación nos pasos de peóns e a seguridade dos viandantes en zonas non reguladas con semáforos ou cunha iluminación deficiente
Fontenla, Prado, San Mateo e Pías son as primeiras parroquias que contan con estas luminarias, pero a concelleira destaca que toda Ponteareas desfrutará dun novo alumeado durante o vindeiro ano.