16.3 C
Pontevedra
Mércores, 29 de Novembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas amplía o horario de Zona Azul na contorna do Mercado Municipal...

    Ponteareas amplía o horario de Zona Azul na contorna do Mercado Municipal para aumentar a oferta de aparcamento

    Dende o luns 15 de novembro as rúas A Estrada, Morales Hidalgo, Fernández Vega e A Perillana terán estacionamento limitado gratuíto polas tardes, de 16.00 a 20.00 horas

    O Concello de Ponteareas continúa traballando para dispoñer dun mellor reparto do espazo público para estacionar, ofrecendo alternativas para que todas aquelas persoas que necesiten desprazarse ata o centro da vila en coche poidan aparcalo e realizar diferentes xestións administrativas, mercar, acudir a actividades…

    Por este motivo, dende o vindeiro luns 15 de novembro ampliarase o horario de estacionamento limitado e gratuíto na contorna do Mercado Municipal ao horario de tarde. A duración máxima do estacionamento pasará ademais da hora e media actual a dúas horas. Con estas medidas aténdese unha reiterada demanda de comerciantes e consumidores.

    “O estacionamento é necesario para facilitar a actividade económica e a vida diaria das persoas que só poden acudir á nosa vila en vehículo de motor. Por este motivo estanse a implementar medidas coas que incrementar as prazas de estacionamento e a súa dispoñibilidade, como a ampliación do horario da zona azul nas rúas arredor do mercado, multiplicando as prazas de aparcamento dispoñíbeis”, salienta o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

    Deste xeito, dende o vindeiro luns o estacionamento limitado gratuíto nas rúas A Estrada, Morales Hidalgo, Fernández Vega e A Perillana funcionará tamén polas tardes. Así, o horario da zona azul será os días laborábeis de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados de 09.00 a 14.00 horas. Neses horarios un mesmo vehículo só poderá ocupar a mesma praza de aparcamento un máximo de dúas horas en cada quenda, de mañá e de tarde. Ademais, como complemento, crearanse dúas prazas de parada dun máximo de 10 minutos sen ticket na rúa Fernández Vega que faciliten á veciñanza xestións e compras rápidas.

    O concelleiro de Mobilidade asegura que “con esta medida repártese de forma racional e equitativa o espazo existente, aténdese mellor a demanda das persoas que precisan acudir en coche a Ponteareas e evítase que os mesmos vehículos acaparen durante moitas horas os aparcamentos públicos”.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.