9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas acomete a humanización da rúa San Roque

    Ponteareas acomete a humanización da rúa San Roque

    O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Tenente de Alcalde Chus Garrote, anunciaron a humanización da rúa San Roque que une o centro urbano co río Tea na Ponte dos Remedios. A primeira fase desta actuación, que será licitada nos vindeiros días e executada no segundo trimestre deste ano, consiste na reforma do tramo que une a Rúa dos Ferreiros coa Avenida de Castelao. Trátase dunha rúa sen apenas beirarrúas e moi degradada e abandoada, onde os veciños que queren achegarse ao río deben camiñar pola calzada.

    Co proxecto de humanización a rúa transformarase totalmente pensando no tránsito de persoas de forma segura e cómoda. O investimento aprobado para as obras ascende a 171.693,07 €

    A segunda fase realizarase no tramo que discorre entre a Avenida de Castelao, Parque de San Roque e a Ponte dos Remedios. Este tramo atópase tamén, ao igual que o anterior, especialmente deteriorado, sen case beirarrúas e con arborado situado na calzada. O goberno local dispón xa dun estudo de renovación da rúa elaborado por un equipo de técnicos no que se contempla a dotación de amplas beirarúas, aparcamento e arborado, convertendo esta rúa nun amplo paseo de acceso ao río Tea.

    O estudo será exposto ao público na vindeira semana dentro dun novo proceso de participación social no que os ponteareáns poderán achegar ideas e opinións para a súa valoración por parte dos técnicos. Unha vez concluido o proceso de participación redactarase o proxecto definitivo e as obras executaranse con cargo á estratexia Ponteareas Hábitat Saudable aprobada pola Unión Europea e dotada con 5 millóns de euros para Ponteareas.

    Esta actuación únese a outras xa realizadas como o Paseo Matutino e outras anunciadas como a Rúa Redondela, o parque da Feira Vella, o Alto da Gloria ou a Praza de Bugallal que persiguen, en palabras de Represas “transformar Ponteareas nun lugar pensado para a xente”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.