11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas acolle o Campionato Galego Máster de Inverno de natación

    Ponteareas acolle o Campionato Galego Máster de Inverno de natación

    Case 320 deportistas participarán neste encontro que se celebrará o 15 e 16 de xaneiro no complexo deportivo Álvaro Pino

    Ponteareas volve ser sede unha vez máis dunha das probas máis importantes do panorama deportivo. A vila acollerá a primeira cita do calendario de competicións en natación do 2022 coa celebración do Campionato Galego Máster de Inverno, a única cita galega que haberá nesta categoría organizada polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello. Os días 15 e 16 de xaneiro o complexo deportivo Álvaro Cunqueiro acollerá a 317 deportistas, 185 nadadores masculinos e 132 nadadoras femininas. Entre as e os inscritos destacan Ramón Folch, do CN Arteixo e 85 anos, e Isabel Moral, do CN Traviesas e 80 anos, os competidores de maior idade do campionato.

    O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer unha vez máis “todo o que está a facer polo deporte e polo conxunto de Ponteareas tanto o club como as e os deportistas e as familias”, así como das entidades privadas, xa que “é fundamental que todos acheguemos a nosa axuda, porque gran a gran constrúense os grandes desertos”. O edil destacou tamén que “é un orgullo contar cun club como o CN Ponteareas, sempre está un paso por diante e cunha valentía á hora de facer as cousas que son parte importante do seu éxito”, salientou.

    Na presentación deste encontro o director técnico e presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, salientou o crecemento exponencial dos participantes neste campionato, con case 100 novos participantes. Así, para poder estar na piscina en condicións de seguridade, a competición dividirase en dous días: o sábado 15 competirán deportistas menores de 45 anos pertencentes a 27 clubs galegos, mentres que o domingo 16 será a quenda das e dos participantes maiores de 45, procedentes de 32 clubs.

    Entre as medidas de seguridade establecidas, as e os competidores deberán acceder ás instalacións con certificado COVID ou cunha proba de PCR ou antíxenos negativa recente e non haberá público, aínda que se colocará unha pantalla xigante no pavillón para que as persoas poidan seguir o evento. A competición tamén se retransmitirá por streaming a través da canle de Youtube do club. “Queremos agradecer a súa colaboración ao Concello, á Federación, a patrocinadores, a colaboradoras e colaboradores e ás persoas voluntarias que fan posible que sexamos o club que máis eventos organizamos en toda Galicia e que sigamos medrando en plena situación de pandemia”, salientou Carrera. O presidente quixo aproveitar a ocasión para anunciar unha boa nova: a inclusión este ano da Travesía a Nado Vila do Tea na Copa de España por primeira vez na súa historia.

    Pola súa banda, o vicepresidente do CN Ponteareas, Alberto Aliaga, quixo destacar a importante simboloxía do cartel empregado como imaxe no Campionato Galego Máster de Inverno. “Non só volven as remudas, suspendidas dende a chegada da covid, senón que é unha gran homenaxe ao deporte feminino. As protagonistas son as catro nadadoras do equipo de remuda hai 2 temporadas, gañando medalla de ouro e acadando un novo récord galego na súa proba. Son un exemplo de loita e superación, compaxinando traballo, adestramentos, familia e acadando éxitos deportivos incribles”, recalcou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.