10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasOs colectivos sociais de Ponteareas apostan pola mellora do transporte público entre...

    Os colectivos sociais de Ponteareas apostan pola mellora do transporte público entre a vila e as parroquias

    Na reunión mantida co concelleiro Roberto Mera e co equipo redactor do Plan de Mobilidade, os representantes veciñais valoraron positivamente o funcionamento da zona azul

    O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, e o equipo redactor do Plan de Mobilidade mantiveron na pasada semana un encontro con colectivos veciñais para recoller opinións sobre os modos de transporte e desprazamento da poboación. Na reunión participaron varias ducias de representantes veciñais, a maior parte deles de colectivos parroquiais como comunidades de montes, asociacións veciñais e casas culturais.

    No encontro púxose de relevo o interese da veciñanza polo transporte público no rural, salientando os asistentes os problemas de información sobre as liñas e horarios de autobuses que prestan servizo nunha parte das parroquias da localidade. Tamén se advertíu da inexistencia do servizo nalgunhas parroquias ou da insuficiencia de liñas, horarios e frecuencias.

    Todos os representantes coincidiron en demandar mellores horarios das liñas de autobuses, que se adapten mellor ás necesidades e á demanda das persoas que viven no rural e carecen de medios de transporte privado. No mesmo ámbito do transporte público, os asistentes referíronse á existencia de paradas sen delimitar ou sen marquesinas ou ubicadas en lugares pouco axeitados.

    Os representantes coincidiron en sinalar que con maiores e mellores liñas de transporte, horarios e frecuencias, o uso do transporte público sería maior nas parroquias. De cara á implantación dun sistema de transporte público coas parroquias –que é un dos obxectos de estudo do Plan de Mobilidade– os asistentes explicaron que debería percorrer os barrios para recoller e deixar viaxeiros perto das súas vivendas sen limitarse ás paradas situadas en estradas principais, pois a xente que usaría o servizo é especialmente xente maior que regresa cargada das compras en Ponteareas.

    Ademais, consideráronse tres destinos a ter en conta para o transporte desde as parroquias: a vila, onde se realizan xestións e compras; o centro de saúde, ao que acude moita poboación maior do rural que carece de medios de desprazamento propios, e a Unidade de Exploración Mamográfica da Casa do Mar en Vigo.

    En canto aos horarios, os representantes veciñais sinalaron que para acudir ao centro de saúde o transporte debería ter horario de chegada ao redor das 8:30 da mañá e para acudir á vila un horario de chegada sobre as 10 horas e de regreso sobre as 12.

    Todos os asistentes valoraron positivamente o funcionamento da zona azul e mesmo pediron a súa ampliación, pois permite á veciñanza das parroquias ter máis posibilidades de atopar aparcamento en Ponteareas.

    No encontro tamén se transmitiron preocupacións en materia de seguridade vial, como certos accesos á N-120 desde parroquias ou a inexistencia de arcéns en moitas estradas. A asociación de maiores tamén solicitou a utilización da Estación de Autobuses para recoller e deixar aos viaxeiros das excursións que organizan habitualmente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.