A crise sanitaria desatada pola pandemia do coronavirus ten outros efectos secundarios que, a meirande parte das veces, pasan desapercibidos como son os animais. A protectora Os Biosbardos de Ponteareas, asociación que funciona únicamente polo traballo, esforzo, tesón e ganas de voluntarios e voluntarias, da a voz de alarma “temos pienso para aproximadamente dúas semanas e a finais de mes, haberá que pagar factura veterinarias, comeza o calor e non temos desparasitacións externas e non temos nin podemos mercar collares para previr a leishmania”.
Unha vez máis, os máis vulnerables, volven a ser os grandes olvidados “as súas vidas non son importantes –laméntanse dende Os Biosbardos– dan igual, son só animais, animais de refuxios, animais da rúa, dobremente vítimas do abandono e a indiferencia”.
Se ben aos voluntarios e voluntarias da asociación nunca lles asustou o traballo “botarlle hora, trasnoitar, cargar, traballar moi duro para recadar diñeiro ou comida” agora, a crise do COVID-19 vén de cambiar o panorama.
“Agora temos medo, moito medo, –afirman– agora non podemos traballar, non podemos montar mercadillo os sábados, non podemos montar os postos de comida nas festas programadas para marzo e abril, non podemos facer recadación de alimentos en supermercados, non podemos realizar as visitas preadopción nin adopcións, non podemos darlle os seus finais felices a nuestr@s biosbard@s”.
Cada céntimo recadado era necesario para para pagar facturas e comprar penso e desparasitaciones “e xa non vai ser, xa non podemos e non sabemos cando poderemos, agora todo se tornou incerteza e sabemos que é difícil, moi difícil, que todas e todos estamos ao pasar mal, que os ERTE están a tocarnos moi de preto, que as e os autónomos como sempre os máis prexudicados, que non sabemos que vai pasar e o medo paralízanos, pero por favor, suplicámosvos que unha vez máis nos botedes unha man para seguir sacando adiante aos nosos máis de 487 animais”.
Moitos dos animais do refuxio dos Biosbardos son enfermos crónicos que necesitan o seu penso de dieta e a súa medicación para seguir vivindo, “innumerables colonias felinas que dependen de nosotros, axudamos a animais de persoas sen recursos con alimento e o que podemos, sempre estamos aí pero agora soas non podemos, e necesítannos máis que nunca”
Lembran que “ningunha achega é pequena, a nosa situación agora mesmo é moi moi delicada, de non conseguir algo de solvencia teremos que deixar de axudar a máis animais”.
Os Biosbardos precisa de axuda económica, alimentación, desparasitaciones, “cada persoa o que poida axudarnos será un agasallo para eles”. Se queredes colaborar, tendes toda a información nesta ligazón da páxina de Os Biosbardos.