Sábado, 22 Marzo de 2025

O Pontebike Team de Ponteareas lánzase á competición nacional

Creado hai só un ano, no 2020, e pese a situación de pandemia actual, o club ciclista Pontebike Team de Ponteareas, da un paso adiante máis no seu crecemento e crea o seu equipo de competición a nivel nacional.

Seis serán as categorías nas que o equipo ponteareán competirá –Cadete masculino e feminino, Junior, Sub23, Élite e Máster– e tres as modalidades –Enduro, Descenso e XCO– onde o Pontebike amosará por que Ponteareas é sinónimo de ciclismo.

Así, Héctor Quinteiro e Lucía Piñeira en Cadete masculino e feminino; Pablo Porto e Marcos Estévez na categoría Junior; Ismael Romero, José Sánchez, Adrián Ucha, Brais Álvarez, Mateo Martínez e Sergio Piñeira, na Sub23; José María Romero, Óscar Barciela, Xoán Pujales e Óscar Costas na Élite e Juan Manuel Pousada na categoría máster, serán os que leven o nome do Pontebike Tean e o de Ponteareas a todos os recunchos do país.

O Club quixo trasladar o seu agradecemento ás empresas que patrocinan ao Club –Porto Martínez S.L., Sportskids, Biziebike e Cadacan– así como as institucións públicas –Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia–, que permitiron converter nunha realidade o sño de crear un equipo de competición que aspira a estar nos primeiros postos da clasificación nacional.

Queda, agora, crecer. E o soño deste Pontebike Team, seguir medrando, formar un equipo competitivo a nivel nacional e “dar a oportunidade a mozos e mozas para que poidan competir na modalidade de MTB que máis lles apaixone”, afirma o club ponteareán.