12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO grupo Bordón Grellado, gañador do LIV Concurso de Gaitas do País...

    O grupo Bordón Grellado, gañador do LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas

    Sete agrupacións participaron neste certame celebrado no auditorio municipal e que arrancou cun pasarrúas polo centro da vila

    O grupo Bordón Grellado alzouse co primeiro premio no LIV Concurso de Gaitas do País de Ponteareas, celebrado a pasada fin de semana no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, e que contou coa participación de sete agrupacións de música tradicional “de gran calidade e alto nivel”, como salientou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e os propios membros do xurado que estiveron na edición anterior. O grupo gañador estaba composto polos gaiteiros Miguel González Diz e Isidro Vidal Gallardo, o tamborileiro Iván Blanco Vázquez e o bombeiro Miguel Rivas Rodríguez. A agrupación foi premiada con 1.800 euros ademais de cunha gaita e cun tamboril doados por Artesanía de Galicia.

    Tras as dúas actuacións de cada un dos grupos, o xurado outorgou o segundo premio do certame, dotado con 1.200 euros, ao grupo Arghaço, mentres que Avelaíña fíxose cos 900 euros do terceiro premio e Bran Cuartet cos 600 do cuarto. O xurado estivo composto ademais de polo propio edil de Cultura, por Xosé Ferreiros, integrante do histórico grupo galego Milladoiro, e por María Belén Giráldez, José Manuel Gil, Xulia Feixoo, Antonio Gutiérrez e Sabela Olivares.

    O concurso arrancaba quentando motores cun pasarrúas dende a Casa do Concello ata o auditorio municipal, onde ademais dos grupos gañadores tamén se subiron ao escenario os grupos As Bágoas do Toxo, Rodamuíños e Os Paporrubios. “Queremos agradecerlles a todos eles a súa participación neste certame co que seguimos apostando pola música que se fai no país, que reforza e difunde a nosa cultura. E moitísimas grazas tamén aos membros do xurado pola súa colaboración na difícil tarefa que lles tocou”, destacou Groba.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.