15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Goberno ponteareán presenta o maior Orzamento da historia de Ponteareas

    O Goberno ponteareán presenta o maior Orzamento da historia de Ponteareas

    Ascende a máis de 22 millóns de euros, un 34 % máis que en 2018, e destina 7 millóns a investimentos en obras e servizos

    O goberno BNG-PSOE do Concello de Ponteareas presentou publicamente o maior orzamento da historia da localidade. A intención do goberno de coalición é aprobalo neste mes de xaneiro. O presuposto pactado entre ambas as dúas forzas políticas ascende a 22,2 millóns de euros, fronte aos 16,9 millóns de euros de 2018, o que supón un incremento dun 34 %.

    Ese aumento dispárase até ó 70 % se o orzamento se compara co derradeiro aprobado polo goberno do Partido Popular, de pouco máis de 13 millóns de euros. O orzamento é equilibrado, coa mesma contía de ingresos e gastos, o que permitirá cumprir un ano máis o principio de estabilidade orzamentaria.

    O alcalde Xosé Represas, quen ademais é responsábel da área de Facenda, sinalou que “o orzamento ten tres obxectivos fundamentais: investir en novas obras e servizos que melloren a calidade de vida, crear emprego en Ponteareas e ampliar e reforzar os servizos e prestacións sociais para avanzar nunha sociedade máis igualitaria e cohesionada”.

    Neste sentido, Represas salientou que se destinarán 7 millóns de euros a investimentos en obras e servizos, financiados con recursos propios e outros de procedencia europea como os da estratexia DUSI e IDAE, destinados principalmente a alumeado público, “logrados grazas a unha eficaz xestión no pasado mandato”.

    Pola súa banda, a concelleira socialista Chus Garrote cualificou os orzamentos de “ambiciosos” e salientou que darán un impulso definitivo á transformación de Ponteareas. No orzamento contémplase o investimento de máis de catro millóns de euros para a renovación de todo o alumeado municipal, tanto na vila como nas parroquias, unha acción que acometerá a área de alumeado xestionada por Garrote e que suporá unha mellora na calidade da iluminación pública e un grande aforro económico en consumo para o Concello.

    Destinanse 7 millóns de euros a investimentos en obras e servizos, financiados con recursos propios e outros de procedencia europea como os da estratexia DUSI e IDAE, destinados principalmente a alumeado público

    Represas explicou que con este orzamento “non se incrementan impostos e se destinan 735.000 euros para subvencións a colectivos sociais e culturais, traidas veciñais, clubs deportivos, etc, o que supón un incremento de case o 25 % respecto a 2018”.

    En canto ao persoal, área baixo a responsabilidade do PSOE, o gasto orzamentado representa o 31,8 % con algo máis de sete millóns de euros aínda que o custo real da plantilla fixa se rebaixa aos 5,5 millóns de euros. Chus Garrote salientou que os orzamentos posibilitan tamén a convocatoria de 20 prazas novas de persoal necesarias para o Concello, nas distintas ofertas de emprego a convocar este ano, o que suporá unha mellora no funcionamento administrativo municipal e a atención cidadá.

    Por último, os gastos correntes e o funcionamento dos servizos públicos acadan o 31 % do orzamento con 6,9 millóns de euros sendo a partida máis destacada, con 1,6 millóns de euros, a de limpeza viaria, recollida de lixo e tratamento do mesmo en Sogama.

    Represas e Garrote amosáronse moi satisfeitos cuns orzamentos cuxa aprobación está asegurada coa maioría que ostentan BNG e PSOE e que “son o resultado do saneamento económico que realizamos nos últimos catro anos con grandes esforzos municipais e sacrificios para a veciñanza de Ponteareas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.