Domingo, 16 Febreiro de 2025

O Goberno local tacha de “ridículo espantoso” a denuncia de supostas irregularidades no PXOM realizada por Belén Villar

O goberno municipal de Ponteareas lamentou o “ridículo espantoso protagonizado pola portavoz do PP, Belén Villar” ao denunciar unha suposta “grave irregularidade” na tramitación do PXOM argumentando que a aprobación das alegacións veciñais en 2016 debe ser agora revisado de oficio.

Segundo o goberno, “Villar, desde o absoluto descoñecemento xurídico, non sabe distinguir un acto de trámite dun acto que pon fin á vía administrativa. As alegacións aprobadas en 2016 son un acto de trámite que non é recurríbel nin revisábel de oficio. É algo que sabe un estudante de primeiro de Dereito”. O goberno cre que Villar “se equivoca xogando a aprendiz de avogada” e recomenda á portavoz popular que “non siga buscando leis por internet que non sabe interpretar. Mellor faría fiándose dos informes xurídicos emitidos polos funcionarios municipais licenciados en Dereito”. Ademais o goberno aclara que o expediente conta con todos os informes incluido o da Confederación Hidrográfica.

Para o goberno o PP está “desesperado” buscando excusas para non apoiar o PXOM. Primeiro impediron a aprobación cando dependía deles e agora que temos maioría suficiente queren impedilo con falsos motivos legais. Poñen os seus intereses partidistas por diante dos intereses de Ponteareas”.