Luns, 17 Marzo de 2025

O Concello mellora a seguridade viaria en 8 parroquias do rural coa construción de novos redutores de velocidade

A Concellería de Vías, Obras e Alumeado da resposta así á demanda da veciñanza e incrementa a seguridade viaria en puntos estreitos e carentes de beirarrúas nos que conviven veciñanza e tráfico rodado

A concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, informa da construción de redutores de velocidade en oito parroquias do concello. As obras financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, teñen un custo total de 23.126,84 euros.

Comprometida coa mellora da seguridade viaria nas estradas do concello, a concelleira socialista explica que con esta actuación incídese no incremento da seguridade tanto para peóns como para os propios vehículos en tramos estreitos, de alto tránsito e de paso a pé de veciñanza. 

“Ponteareas conta no rural cunha grande cantidade de vías pavimentadas faltas de beirarrúas polo que os peóns carecen en moitos lugares da seguridade precisa xa que deben compartir espazo cos vehículos que, ás veces, circulan a máis velocidade da axeitada”, explica Garrote.

Estas obras, ademais, dan resposta ás peticións da veciñanza que viña reclamando unha maior seguridade viaria neses puntos e tramos.

Nestes intres a empresa realiza os redutores de velocidade que contan con cinco bandas transversais de alerta realizadas con adoquín de granito, nos indicados por Patrimonio, e os restantes en aglomerado e que sumarán un total de 15 repartidos en 8 parroquias (Angoares, Arcos, Arnoso, Fozara, Moreira, Padróns, San Lourenzo de Oliveira e San Mateo). O proxecto inclúe a sinalización vertical e horizontal correspondente.

Ademais, estanse a substituir os elementos de goma existentes nalgúns redutores de velocidade por bandas de adoquín de granito.