Mércores, 11 Decembro de 2024

O ciclismo volve as rúas de Ponteareas co Trofeo Festas de Setembro-Gran Premio Borja Gómez Méndez

Unha carreira inclusiva incorpórase este domingo ao programa da cita ponteareá no que o ciclismo volve a ser, unha vez máis protagonista nunha vila que sabe deste deporte como poucas

As bicicletas volven as rúas do centro de Ponteareas esta fin de semana. A vila do Tea acollerá este domingo a segunda edición do Trofeo Festas de Setembro – Gran Premio Borja Gómez Méndez, unha proba de ciclismo en estrada que arrincará ás 09:00 horas e que ten como principal novidade a celebración dunha carreira inclusiva.

A presentación do evento contou coa presenza das corredoras e corredores do Club Ciclista Ponteareas Escola Borja Gómez Méndez, membros da xunta directiva, corpo técnico, técnico da Federación Ciclismo Galego (FCG) Jacobo Ucha e, por suposto, do padriño da proba, Borja Gómez Méndez. 

O ciclista que dá nome a este Gran Premio será un dos participantes na carreira inclusiva que se disputará antes da competición cadete e júnior. As outras categorías, tanto femininas como masculinas, que rodarán polo corazón da vila do Tea serán as de Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís e Cadetes.