19.9 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasLedicia Costas visitará o Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas

    Ledicia Costas visitará o Club de Lectura da Biblioteca de Ponteareas

    A escritora reflexionará coas persoas asistentes sobre unha das súas obras máis importantes, Infamia

    A escritora Ledicia Costas visitará o vindeiro día 20 de outubro o Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas para falar coas persoas asistentes dunha das súas obras máis importantes: Infamia, a novela coa que o grupo retomou a actividade en setembro. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca a visita “dunha marabillosa autora da literatura galega infantil e adulta”, e afirma que os membros do club teñen “unha gran oportunidade para reflexionar sobre a escritura cunha muller da que poden aprender moito”.

    As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura. Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica Fernando Groba.

    Ledicia Costas unírase o vindeiro 20 de outubro á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo,  Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.

    A escritora viguesa é unha das máis recoñecidas do panorama actual da literatura galega. Acumula 20 recoñecementos literarios, entre eles, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”, dous Premios Lazarillo, é a única escritora galega que acadou este recoñecemento dúas veces, e un Premio Merlín de Literatura Infantil. O concelleiro destaca ademais que é a autora máis traducida a outras linguas e unha firme candidata a conseguir o primeiro Nóbel de literatura para a nosa lingua.

    As persoas interesadas en participar no Club de Lectura deben poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo bibliotecamuseo@ponteareas.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.