O vindeiro día 27 de outubro terá lugar unha nova andaina de Irmandade entre Mos e Ponteareas, unha iniciativa, totalmente de balde, que con esta acada xa a súa cuarta edición e que cada ano conta cun maior número de participantes.
As saídas serán ás 10 horas dende A Penacova, no que a Mos fai referencia e, do lado de Ponteareas, as e os participantes sairán do Parque Forestal do Viveiro en Ribadetea (na estrada a Cillarga).
Está previsto que cara as 11 da mañá, ámbolos dous grupos xúntense na mámoa do Salgueirón para, posteriormente, facer un percorrido polo Monte do Castelo, As Barandas, e o Castelo de Mos, o que permitirá que as persoas participantes poidan gozar do extraordinario patrimonio natural, etnográfico e histórico da zona.
A organización lembra que hay que levar calzado e roupa cómoda e comida e froita para o xantar de irmandamento no monte. O regreso está previsto para as 18 horas.
A andaina está organizada por Adenco, A. C. ViaxaMos no Tempo, AA.VV. de Ribadetea, C. Cultural A Cividade e CC. MM de Louredo. Amais este ano tamén colabora a nova asociación patrimonial Val do Tea.