20 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasIniciadas as obras do camiño escolar que transformarán a rúa Trobador Xoán...

    Iniciadas as obras do camiño escolar que transformarán a rúa Trobador Xoán García de Guillade e outras da contorna

    As melloras tamén alcanzarán a un tramo da rúa Nardos e do Paseo Matutino, triplicando o espazo para as persoas

    O Concello de Ponteareas iniciou as obras de transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade, que se converterá nun espazo público de calidade para as persoas. Os traballos abranguerán algo máis dun quilómetro e permitirán crear o primeiro espazo escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicarán o espazo para a veciñanza. “Esta actuación transformará por completo un longo percorrido moi utilizado por escolares, deportistas e persoas para o paseo, converténdoo nun espazo seguro, atractivo, sombreado e amábel”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    As obras teñen un prazo máximo de execución de 8 meses e nelas invístense case 731.000 euros financiados nun 75% a través do plan ReacPon da Deputación de Pontevedra e nun 25% con fondos propios do Concello. O proxecto permitirá conectar a pé o centro urbano con parroquias como Fontenla e Arcos, e mellorará o tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saída de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra da Auga.

    A rúa Trobador Xoán García dende a Avenida de Galicia até o parque Ferro Ucha, de 200 metros, será de uso peonil en plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario e circulación de vehículos a motor reducida a residentes, garaxes e servizos.

    “Esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”, salienta o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.

    As persoas que desexen facer consultas ou expoñer incidencias poderán facelo ben enviando un correo electrónico a mobilidade@ponteareas.gal ou ben chamando ao teléfono 986 64 00 00.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.