Luns, 24 Marzo de 2025

Esquerda Unida de Ponteareas continua coa súa campaña a favor da municipalización do servizo de abastecemento de auga

Esquerda Unida de Ponteareas continúa a súa labor de reclamar ao Concello de Ponteareas a recuperación da xestión directa da auga. Dende esta organización lembran que a xestión da auga en Ponteareas “está privatizada dende o ano 1989 cando se lle concedeu por primeira vez a xestión á empresa Aquagest, actualmente Viaqua”.

O feito de que neste 2020 remate o contrato coa empresa xestora, levou a Esquerda Unida a presentar xa en novembro de 2018 unha proposta para iniciar o proceso de remunicipalización. A partir dese momento Esquerda Unida comezou a explicar esta cuestión a través de notas de prensa e publicacións nas redes sociais. Agora a organización continuará con esta campaña difundindo unha serie de vídeos explicativos e materiais co obxectivo de visibilizar a necesidade de recuperar a xestión municipal da auga.

Esquerda Unida denuncia que dende que se presentou a proposta de remunicipalización, que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos que estaban naquel momento no concello, “nada se fixo ao respecto” e ao quedar a formación asemblearia sen representación no Concello “xa non se volveu a falar de remunicipalización da xestión da auga a pesares do suposto apoio a esta proposta por parte de PP, PSOE, BNG e ACIP”.

EU salienta que este feito “ven a demostrar unha vez máis que máis alá de cuestións puntuais, xestos e demais aparato, todos estes partidos comparten unha mesma ideoloxía económica que non é outra co neoliberalismo salvaxe”.

Dende Esquerda Unida lembran a importancia de que os servizos esenciais “estean xestionados de forma directa por parte das administracións públicas”. Coa privatización, aseguran, “os servizos públicos pasan a ser simplemente negocios onde o único que importa son os beneficios empresariais. Soamente coa xestión pública se pode realizar un uso eficiente tanto dende un punto de vista ambiental como dende unha mirada económica e especialmente garantindo a función social da auga”.