14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEntrega de premios III edición do Concurso de poemas ilustrados de...

    Entrega de premios III edición do Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro

    O xurado do III concurso de poemas ilustrados “Día Rosalía de Castro” reuniuse o pasado mércores 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, para escoller os mellores traballos.

    O concurso, que pretende ser unha das actividades principais para homenaxear figura e obra da nosa escritora nacional máis importante, recolleu, nesta edición, case medio cento de traballos realizados por alumnos de 5º e 6º de primaria dos centros: CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Feliciano Barrera de Guláns, CEIP de Santiago de Oliveira, Colexio Plurilingüe A Inmaculada e o Colexio Santiago Apóstol.

    As persoas que conformaron o dito tribunal foron Hortensia Bautista Fernández, mestra e escritora; Alfonso Pexeguiro, escritor e poeta; Fernando Groba Bouza, concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas; e Sofía Rodríguez Suárez, traballadora do Departamento de Cultura, que actuou como secretaria.

    Os xurados valoraron os traballos con criterios de orixinalidade, relación entre o poema presentado e o deseño, a composición, a técnica empregada, o uso e calidade da lingua galega, entre outros aspectos.

    Os membros do xurado destacaron a alta participación e a destacábel calidade dos deseños e  decidiron outorgar os seguintes premios:

    • 1º Premio para o traballo titulado “Soños”, presentado por Daniela Otero Rial
    • 2º Premio, a obra realizada por Leire Porto Rodríguez
    • 3º Premio para o traballo titulado “Néboa” presentado por Claudia García Martínez
    • 4º Premio para a obra “A tristura da lúa”, da autora Ana Díaz Martínez

    Amais, ante dificultade de deixar dous traballos máis sen premiar, decidiron conceder dous accésits:

    • O traballo colectivo titulado “A fermosa estrela”, realizado polo curso de 6º B do CEIP Fermín Bouza Brey
    • E o caligrama en forma de paxaro da autora Ángela Boente Laso

    A entrega de premios realizouse o venres, día 26 de febreiro, ás 18 horas diante do Concello de Ponteareas.

    “Queremos agradecerlles aos centros participantes e ao seu profesorado a súa implicación neste concurso e animalos a seguir traballando en prol da defensa da nosa cultura e lingua”, sinala Fernando Groba, concelleiro de Cultura.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.