7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasConcienciación e conservación do territorio camiñan da man en Ponteareas co voluntariado...

    Concienciación e conservación do territorio camiñan da man en Ponteareas co voluntariado ambiental xuvenil

    Coidar o medio ambiente xa non é unha opción, é unha obriga para todas as persoas que habitan no planeta. Algo do que é consciente o Concello de Ponteareas, que leva anos desenvolvendo o programa de Voluntariado Ambiental Xuvenil, posto en marcha pola Concellaría de Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó e que ofrece á mocidade “a oportunidade de desfrutar, aprender e mellorar os vínculos coa súa contorna”.

    Este verán máis dunha vintena de mozos e mozas participan nas actividades formativas ao aire libre deste programa, que busca que a mocidade ponteareá desfrute do seu tempo de lecer coñecendo a flora e fauna da súa contorna e fomentando a súa concienciación medioambiental.

    “Queremos que os rapaces e rapazas sexan conscientes da importancia da conservación do medio natural e de mellorar a calidade dos ecosistemas, pero tamén que desfruten de actividades de lecer diferentes, que fomenten o contacto social con actividades saudábeis e evitando o sedentarismo”, salienta o edil.

    Deste xeito, durante a participación no programa os mozos e mozas reciben unha formación práctica sobre tarefas tradicionais do rural asociadas so medio ambiente, coñecen un pouco máis a Rede Natura 2000 e a súa flora e fauna, achéganse ao patrimonio de Ponteareas, conciéncianse sobre a problemática dos residuos ou aprenden a seguir rastros e pegadas da fauna da contorna e a distinguir as especies exóticas invasoras.

    A formación complétase con actividades como a limpeza de río e de monte; a limpeza do río dende kayak, que permite retirar lixo ao que é difícil de acceder dende terra; a aprendizaxe sobre o ceo nocturno ou a realización dunha mostraxe de fauna e flora da contorna ponteareá.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.