Ponteareas xa recende a Corpus. A vila prepárase para celebrar unha nova edición da súa festa grande coas súas tradicionais alfombras florais, con moitas ganas e ilusión e cunha ampla programación na que animación, música, exposicións e recendo a flores serán as grandes protagonistas. Máis de 25 actividades para todos os públicos que permitirán a veciñanza e visitantes gozar de Ponteareas dende os días previos.
“Énchenos de ilusión ver as rúas de Ponteareas cheas de xente e de vida dende días antes das nosas alfombras porque nos permite ensinar ao mundo a riqueza cultural e tradicional da nosa vila. Por iso haberá unha programación variada, atractiva e para todos os públicos que permitirá a todo o mundo mergullarse na maxia desta celebración”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández.
A programación comezará o vindeiro venres 2 de xuño coa tradicional presentación da revista Pregón ás 20.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal, que contará tamén coa actuación musical de ‘Tríade’. Ás 20.30 horas haberá animación musical nas rúas a cargo do grupo folclórico ‘San Salvador de Padróns’. Xa o domingo 4, tras a inauguración da exposición ‘150 aniversario da Banda Unión de Guláns’, o psicólogo criminalista Jorge Sobral lerá o pregón do Corpus Christi 2023. Será ás 12.00 h na sala multiúsos do auditorio municipal.
O luns 5 comezará a animación musical nas rúas, que ese día será a cargo da agrupación folclórica ‘Algazara’, o martes 6 do grupo folclórico da Casa Cultural de Areas, o mércores 7 de Os Muíños de Oliveira, o xoves 8 de ‘Senfol’ e o venres 9 do grupo ‘Pedra da Garza’. Todas as actuacións comezarán ás 20 h e percorrerán os distintos portais alfombristas.
Será ese mesmo venres cando arranque a fin de semana grande desta Festa de Interese Turístico Internacional coa inauguración da exposición ‘Corpus en Flor’ ás 21.00 h no vestíbulo do auditorio e co concerto ás 21.30 h da Banda de Música Xuvenil de Xinzo na Praza Fernández Vega. Será a antesala de dous días cheos de alfombras, traballo e moita ilusión en todos os tramos da vila. O sábado 10 a partir das 18.00 h comezarán os traballos de confección das diferentes pezas de arte floral, que durante toda a noite estarán acompañados de animación musical en diferentes puntos da vila.
Xa o domingo 11 ás 10.30 h terá lugar a recepción de autoridades na Casa do Concello coa actuación da Agrupación Musical Nosa Sra. do Carme, que ás 12.30 horas acompañará a tradicional procesión do Corpus Christi. Pola tarde a música, a ledicia e a cor volverán encher as rúas dende as 19.00 h co tradicional desfile de carrozas e a batalla de flores. A música regresará ás 21.30 h á Praza Bugallal, así como á Praza Maior coa verbena da orquestra Gran Parada dende as 23.00 h.
O luns 12, festivo local, a festa comezará ás 11.00 h con inchábeis e actividades de animación infantil ata as 20.00 horas. Ás 20.00 horas celebrarase a ofrenda floral diante do Monumento ao alfombrismo en memoria das e dos ponteareáns que tanto se implicaron na celebración da festa grande de Ponteareas. A entrega de medallas do Corpus no auditorio municipal ás 21.00 h, a animación musical no centro urbano e a verbena a cargo da orquestra Combo Dominicano ás 22.30 h na Praza Maior porán o broche de ouro a unha celebración que converterá un ano máis a Ponteareas en referente mundial da arte floral efémera.
A alcaldesa convida a veciñanza e visitantes a experimentar o Corpus, “ a vivir as cores, os aromas e a ledicia que envolve a nosa centenaria tradición. Vinde connosco a desfrutar dos portais cheos de veciños esfollando as flores e preparando todo o necesario para crear verdadeiras obra de arte efémero e da ledicia contaxiosa de traballar toda a noite para plasmar eses debuxos que sempre nos sorprenden e dos aromas que tantos sentimentos espertan en todos nós”.