11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA San Silvestre tomará de novo a Praza Maior de Ponteareas o...

    A San Silvestre tomará de novo a Praza Maior de Ponteareas o último día do ano

    Máis de 180 persoas xa se anotaron no día de apertura de inscricións, que poderán facerse ata o vindeiro 29 de decembro a través da web cronotec.es

    Un ano máis a carreira solidaria San Silvestre tomará Ponteareas. O vindeiro 31 de decembro os veciños poderán achegarse ata a Praza Maior para gozar dunha nova edición desta proba na que se poderá gozar en familia, facer deporte e achegar un gran de area para converter unha tarde de carreira en toneladas de axuda para o centro de reparto de alimentos de Ponteareas, dependente da Concellaría de Benestar Social.

    Organizada polo Club Taninos Runners Ponteareas en colaboración co Concello, a IX San Silvestre Solidaria de Ponteareas terá un percorrido urbano que agarda reunir a arredor de 1.000 corredores nas cinco categorías abertas, unha absoluta (750 atletas) e catro infantís (250). “Non podemos máis que agradecer aos Tanino a súa implicación para preparar unha nova edición desta proba de carácter solidario e animar a toda a veciñanza a participar nesta xornada lúdica e deportiva tan especial”, salienta a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila. 

    Así, os rapaces e rapazas de 6 e 7 anos sairán ás 16.30 horas da Praza Maior para dar unha volta acurtando pola rúa máis ao norte da Praza de Bugallal; as e os de 8 a 10 anos darán unha volta ao circuíto saíndo ás 16.40 horas e os e as de 11 a 13 anos sairán ás 16.50 horas para dar dúas voltas ás dúas prazas de Ponteareas. Os nenos e nenas de 4 e 5 anos serán os últimos da categoría infantil en saír, ás 17.15 horas, e irán dende a rúa de Oriente ata a Praza Maior.

    Pola súa banda, a proba absoluta, aberta a atletas de máis de 14 anos, será ás 17.30 horas cunha volta a un circuíto urbano de 5 quilómetros con saída e liña de meta na Praza Maior. Haberá avituallamento ao rematar a proba e un obsequio para todos os nenos e nenas participantes na San Silvestre Infantil.

    As persoas interesadas en participar xa poden facer a súa inscrición gratuíta a través da páxina web cronotec.es ata o vindeiro 29 de decembro. A organización advirte que non se admitirán nin inscricións posteriores a esa data nin o mesmo día da proba. Os dorsais entregaranse na Praza Maior o mesmo día da proba de 11.00 a 13.00 e de 15.30 a 17.00 horas nun espazo habilitado pola organización. Os e as participantes disporán de servizo de gardarroupa na zona de saída e meta.

    Todas e todos os participantes deberán facer unha achega de produtos alimenticios non perecedoiros ou de produtos de limpeza e hixiene persoal que serán recollidos polo centro de reparto de alimentos de Ponteareas antes da retirada de dorsais. Nesta entrega de alimentos e produtos de limpeza e hixiene tamén pode participar o público xeral. “Para o Concello trátase dunha proba moi importante, non só pola cantidade de xente que implica, senón porque cada ano supón unha achega importante para o centro de reparto, do que se benefician moitas familias desfavorecidas”, recalca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

    Dende o Club Taninos Runners de Ponteareas queren agradecer toda a colaboración de persoas particulares e empresas privadas que fan posible a realización desta festa deportiva o último día do ano.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.