A Plataforma Veciñal para o Saneamento de Ribadetea volveuse reunir coa alcaldesa de Ponteareas para amosarlle o seu “malestar pola falla de avances no saneamento da parroquia”. Os membros da plataforma fixéronlle saber “que non comprenden cal pode ser a razón para que despois de 1 ano que Augas de Galicia rematou o proxecto, aínda non se deran pasos cara adiante para avanzar as obras”.
“Non entendemos a inacción ou o atranco por parte de Augas de Galicia para non continuar avanzando no saneamento de Ribadetea”, afirman dende a Plataforma que subliñan que se está a falar do que, posiblemente, “sexa o maior núcleo de poboación mais grande de toda Galicia que non ten saneamento”.
Os veciños e veciñas consideran que teñen todas as razóns para reclamar que esa obra se leve a cabo, xa que “é un núcleo de poboación de 900 habitantes, concentrados na ribeira do rio Tea que pertence a Rede Natura 2000, sen dificultade técnica para realizar a obra, sendo o custe económico por habitante baixo para un núcleo rural en Galicia”.
Os veciños reclamáronlle á alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, que faga as xestións necesarias diante da Xunta de Galicia, concretamente na Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para desatascar a situación.