7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Plataforma N-120 asegura que o PSOE de Ponteareas "deixa de existir...

    A Plataforma N-120 asegura que o PSOE de Ponteareas “deixa de existir como interlocutor válido”

    A dirección da Plataforma N-120 expresa o seu total apoio ao actual voceiro

    A dirección da Plataforma N-120 de Ponteareas fixo público na tarde noite de onte un comunicado de prensa no que expresan “o total e firme apoio ao noso portavoz José Luís Campos Represas”, ao mesmo tempo que asesguran que “todas as intervencións públicas que fixo o noso portavoz foron consensuadas por nós”.

    Segundo a directiva da Plataforma, as intervencións públicas nunca se apartaron da liña de traballo da Plataforma N-120, e sempre tiveron como único obxectivo “frear a masacre de mortes na N-120”, ademais de como conseguir unha circunvalación “que coloque ao Concello de Ponteareas no século XXI”.

    No que se refire ao PSdeG-PSOE de Ponteareas a Plataforma N-120 manifesta que “esta é a derradeira vez que se vai facer referencia a este partido político nas súas comunicacións públicas, sexa para o negativo ou para o positivo” engadindo que “dende xa, o PSdeG-PSOE de Ponteareas deixa de ser un actor político social de referencia, deixa de existir como interlocutor válido”.

    “En parte entendemos as súas últimas manifestacións públicas, posiblemente causadas pola impotencia, pola falta de xuízo político ou polo feito de non ter conseguido nada no pasado, presente e futuro, xa que todo o que se consiga non terá nada que ver con eles” afirman rotundamente.

    Malia iso, a Plataforma puntualiza que “a nosa porta sempre estará aberta a calquera militante ou dirixente do PSOE, pero nunca máis estaremos dispoñibles para os actuais compoñentes da dirección local do PSdeG-PSOE de Ponteareas, nin tampouco á actual Subdelegada do Goberno en Pontevedra”.

    No referente á N-120, amosan unha “enorme preocupación” pola comunicación oficial do MITMA do Goberno do Estado, “que recibimos casualmente esta semana, despois de enviar varias solicitudes de información no ano 2021”. Dita comunicación sinala que, por unha parte, o proxecto está sendo revisado na Dirección General de Carreteras de Madrid e que proximamente será levado a exposición pública, e por outra parte se afirma que o tramo da estrada N-120 que está no proxecto de reforma “non é un tramo de concentración de accidentes”.

    Ante isto último, a dirección da Plataforma N-120 pregúntase “se isto quere dicir que ten que seguir morrendo moita máis xente para que teña esa denominación? Que a non ser un tramo de concentración de accidentes a reforma vaise facer cando ao funcionario de Madrid se poña co expediente que está debaixo doutro centos de toda España? Que ese funcionario de Madrid, os seus xefes de departamento, ou os seus xefes políticos non teñen a información actualizada de que hai dous meses faleceu unha persoa de 30 anos, por non estar feita a reforma da N-120 e de que o Destacamento da Garda Civil de Tráfico do Porriño ten a constancia de que os accidentes son continuos neste tramo?”

    Ante esta desacougante nova, a dirección da Plataforma N-120 pídelle a todas as veciñas e veciños “que estean en alerta e atentas ao que poida xurdir” e aseguran estar traballando xa “en novas liñas a seguir, e que presentaremos na vindeira reunión coa Alcaldesa do Concello de Ponteareas, BNG, ACIP, PP e cos colectivos veciñais implicados. Nesa reunión estaremos receptivos ás propostas que se poidan presentar e sempre co obxectivo de acadar o ben común”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.