A negativa da Xunta a asumir o conservatorio supón un gasto de medio millón de euros anuais para o Concello

O centro conta con 233 estudantes e 19 docentes e as matrículas e cotas só supoñen 85.000 euros polo que o Concello soporta un déficit de 475.000 euros

Conservatorio Municipal de Música «Reveriano Soutullo» de Ponteareas

A concelleira de Ensino e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, presentou o balance de 2020 do Conservatorio e Escola de Música municipais. Davila salientou que o custo deste servizo educativo ascendeu a 560.803,06 euros. Desta cantidade, 85.492,97 euros cóbrense coas matrículas e cotas do alumnado mentres que os 474.860,09 euros restantes sufrágaos o Concello cos seus orzamentos e sen ningún tipo de axuda de outras administracións.

Os conservatorios están encadrados nas ensinanzas especiais regradas que son competencia da Xunta de Galicia. Cristina Fdez. Davila lembra que “as cidades galegas contan con conservatorio dependente da Xunta e non asumen ningún gasto mentres 20 concellos cabeceiras de comarca como Ponteareas somos discriminados e asumimos o 100 % do custo deste servizo”. A concelleira de ensino salienta ademais que “o conservatorio acolle a numeroso alumnado doutros concellos da comarca, trátase dun servizo supramunicipal educativo que debe pagar e xestionar a Xunta”.

Por outra banda, no ano 2020 o Concello acometeu unhas “obras extraordinarias de rehabilitación interior e exterior do edificio do conservatorio para a mellora da eficiencia enerxética”. Para iso o Concello investíu case 450.000 euros, dos que 150.000 proceden de fondos propios e o resto de fondos europeos a través da estratexia “Ponteareas Hábitat Saudábel”. Con estas obras púxose en valor e recuperouse un dos edificios de máis importancia histórica e arquitectónica da vila, construido a finais do século XIX”.

O conservatorio conta cun total de 233 estudantes e 22 persoas contratadas, das que 19 son docentes. A media do alumnado que supera o grao elemental e profesional que se oferta en Ponteareas e pasan ao grao superior, continuando os estudos musicais, ronda o 40%, unha cifra que revela a importancia deste centro na formación de futuros profesionais da música” salienta a concelleira nacionalista.

Cristina Fernández Davila advirte que “para o Concello resulta insostíbel destinar medio millón de euros a un servizo que é competencia da Xunta, e máis agora coa crise económica derivada da pandemia e que afecta aos ingresos e recursos dos Concellos”.