Nova xornada de lecer ao abeiro do programa Mocidade Viva. Este venres 20 de maio, o parque das Pombas acollerá unha xornada de brilé ou balón prisioneiro, un xogo tradicional que aínda é moi practicado hoxe en día nos centros educativos pero que case non se ve nas rúas. O Concello quere recuperalo e achegar á mocidade ponteareá a este deporte que “permite inculcar aos mozos e mozas os valores do compañeirismo e do traballo en equipo”, como explica Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade.
A actividade, de balde, comezará ás 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información ou realizar a súa inscrición enviando un correo electrónico ao enderezo [email protected].
Bouzó convida a toda a rapazada a participar neste encontro de lecer, así como en todas as actividades que o Concello organiza dentro do Mocidade Viva, “un programa estábel con iniciativas lúdicas e formativas dirixidas para a xente nova. O que buscamos é ofrecerlles a todas e todos espazos de lecer e socialización saudábeis con actividades divertidas, pero tamén didácticas e que fomenten novos valores”.