7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA mocidade de Ponteareas "inmunízase" co galego nunha nova edición do Correlingua

    A mocidade de Ponteareas “inmunízase” co galego nunha nova edición do Correlingua

    O Auditorio Municipal acollerá o xoves a actuación do Dúo Vaguedades dentro do proxecto de sensibilización sobre a lingua galega para os rapaces e rapazas

    A mocidade dos institutos de Ponteareas sumarase este venres ao Correlingua 2021, unha xornada que ten como lema “Inmunízate co galego”, para apelar á defensa do galego fronte ás linguas maioritarias, á cultura dominante, aos prexuízos lingüísticos e á exclusión social. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, explica que en Ponteareas “acollemos este acto para que os rapaces e rapazas se vacinen fronte á vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”, e poidan así “sentirse orgullosos e orgullosas de falar e escribir na nosa lingua”.

    O Correlingua chega a Ponteareas o vindeiro xoves coa actuación do Dúo Vaguedades. Isabel Risco e Fran Rei convértense en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal nun proxecto audiovisual que mestura humor e música e que propón unha revisión cómica de diversos aspectos que nos definen como galegos e galegas, así como dos fitos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural. A actuación tamén será retransmitida por streaming a través da canle de youtube do Correlingua.

    O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, e o de Mocidade, Miguel Bouzó, tamén destacan o proxecto e “dan os parabéns” a Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG Ensino, a Asociación Sociopedagóxica Galega, e as administracións públicas polo Correlingua, e afirman que iniciativas coma esta “son moi necesarias para que a mocidade coñeza o valor de contar cunha lingua propia”.

    O Correlingua recibiu en 2016 o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua. O xurado considerou que merecía este premio por ter destacado no compromiso coa lingua, pola capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.