Mércores, 11 Decembro de 2024

«Xornada de oportunidades de desenvolvemento no medio rural» en Mondariz

O Concello poñerá en marcha accións de cara a poñer freo ao constante despoboamento que ven sufrindo o municipio

O Concello de Mondariz, a través da concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo e da axente de Emprego e Desenvolvemento Local, está a organizar unha xornada de oportunidades de desenvolvemento no medio rural arredor da fruticultura e, en particular, da produción de mazá e derivados. A asistencia ás charlas e á degustación de sidra programadas para o sábado, 26 de outubro, será gratuíta e libre até completar aforo.

Unha das liñas políticas estratéxicas do goberno municipal é promover un desenvolvemento rural atractivo para a veciñanza que poña freo á constante despoboación que vén sufrindo o Concello de Mondariz. Con este obxectivo en mente o alcalde Xosé Emilio Barros e os concelleiros téñense reunido nos últimos meses con representantes de diversas institucións relacionadas directa ou indirectamente co desenvolvemento rural.

Durante unha recente reunión co director xeral de AGADER, Miguel Pérez Dubois, o alcalde de Mondariz solicitou colaboración para estudar as potencialidades do sector frutícola no territorio, así como máis información sobre o programa de aldeas modelos que promove a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, de cara a poder organizar algunha charla sobre as actividades que se poden levar a cabo nas faixas secundarias.

“O goberno municipal busca estimular a capacidade de emprendemento da veciñanza para avanzar entre todos e todas na recuperación de terras abandonadas, unha acción complexa pero necesaria que se relaciona co desenvolvemento rural e a loita contra a despoboación, en definitiva, co futuro de Mondariz”, sinala o alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros.

A xornada arrancará ás 11:00 horas na Sala de Exposicións do Centro Social de Mondariz, cunha charla de Xosé Antonio Meixide, técnico agrícola do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña) que introducirá o tema da fruticultura como opción de desenvolvemento. Seguirá un café tertulia e unha intervención de Bolívar González, un produtor de cultivos ecolóxicos que compartirá a súa experiencia en produción ecolóxica de mazá.

Despois do xantar, a partir das 17:00 horas, a bióloga Antía Verde falará dos beneficios da mazá do país, centrando a atención na súa capacidade antioxidante. Seguidamente, o enxeñeiro agrícola Marcos Vázquez compartirá a súa experiencia en produción ecolóxica de mazá. A xornada rematará ás 19:00 horas, na Praza de Abastos de Mondariz, cun obradoiro no que se explicará o proceso de elaboración da sidra e se ofrecerá unha degustación desta bebida e outros produtos derivados da mazá por parte de Val do Traba, unha sidrería familiar de Noia (A Coruña).

Esta é a primeira xornada de oportunidades de desenvolvemento no medio rural organizada íntegramente polo Concello de Mondariz. Anteriormente, no mes de setembro, xa se levou a cabo outro evento formativo e informativo sobre a crianza de porco celta nas carballeiras e nos soutos galegos organizado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.