12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz redactará un proxecto de mobilidade urbana e recuperación de espazos públicos...

    Mondariz redactará un proxecto de mobilidade urbana e recuperación de espazos públicos cunha subvención da Rede Ágora

    O Concello de Mondariz, que foi o quinto solicitante mellor valorado do grupo de concellos correspondente ao eixe 1, ten concedida unha subvención de 50.000 €

    Como concello da Rede Ágora, promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos, o Concello de Mondariz vén de recibir unha subvención de 50.000 € para a redacción dun proxecto de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos no seu centro urbano.

    Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. No seu decálogo de principios considera que o espazo público é un dereito e que as persoas son a prioridade; ademais, apoia a mobilidade inclusiva, a autonomía infantil, as mobilidades alternativas, os espazos seguros, o hábitat saudable, os espazos amables e de calidade, a actividade económica de proximidade, e a mobilidade sustentable. O Concello de Mondariz foi un dos primeiros concellos da provincia que se adheriu a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra a finais de 2020. Desde entón, os seus representantes públicos teñen participado asiduamente nos seminarios de formación da Faculdade Ágora.

    “O proxecto de mobilidade urbana e recuperación do espazo público aínda está por definir, pero afectará ao núcleo urbano de Mondariz e seguramente previrá actuacións graduais. A fase de redacción do proxecto é a primeira e unha das máis importantes, polo seu carácter estratéxico”, indica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

    Un dos obxectivos manifestos da Rede Ágora é que, en xuño de 2023, os concellos participantes (actualmente 50 dos 62 concellos da provincia) incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, con itinerarios peonís e ciclables.

    “Somos conscientes de que as actuacións sobre o espazo público requiren de máximo consenso. Desde o Goberno municipal fomentaremos a transparencia informativa e a participación veciñal, como se vén facendo con outros asuntos de interese público”, afirma Barros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.