As tradicionais Festas da Peña de Francia e San Roque de Mondariz recuperan a normalidade, despois de dous anos de incerteza por mor da pandemia, nos que o Concello de Mondariz asumira a programación sociocultural destas datas. “O labor da comisión de festas é encomiable. Son veciños e veciñas que traballan conxuntamente por un ben común, a organización das festas patronais, sen buscar outros intereses particulares”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
As actuacións musicais das festas patronais deste ano comezan este sábado, 13 de agosto, co concerto do grupo “Dakidarría”, que está financiado pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Mondariz, no marco do programa Musigal. “Xa antes da pandemia, a tendencia era programar un concerto con maior atractivo para a mocidade, normalmente o día 13”, comenta Barros.
O día 14 de agosto, a verbena estará amenizada polo grupo “Sildavia” e a orquestra “Solara”. O día 15, actuarán o grupo “Ritmo” e a orquestra “Saudade”. E o 16, o grupo “La Supersonic” e a orquestra “América”.
“Despois de dous anos sen festas no sentido máis tradicional, hai moitas ganas”, comenta o alcalde de Mondariz. Durante os dous veráns afectados pola pandemia, con todo, a Concellería de Educación e Cultura de Mondariz, con Anxos Carballo á fronte, tomou as rendas e organizou concertos e actividades socioculturais que respectasen as medidas de prevención para celebrar as festas da Peña de Francia e San Roque. En 2020, o ano con máis restricións, programáronse concertos de grupos de música da contorna que deron oportunidades de visibilización ao talento local. En 2021, aproveitouse o programa Musigal para traer a actuación dun artista galego con gran proxección como “Baiuca”.