23.6 C
Pontevedra
Luns, 5 de Xuño de 2023
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz programa numerosas actividades culturais neste mes da lingua

    Mondariz programa numerosas actividades culturais neste mes da lingua

    Un ano máis, o Concello de Mondariz celebra o “mes da lingua” cunha extensa e variada programación de actividades socioculturais que poñen o foco na lingua e na cultura do noso país. Desde a concellería de Cultura e Igualdade que encabeza Anxos Carballo reivindícase a calidade sobre a cantidade, mais este mes de maio destaca en ambos sentidos.

    Presentación de filmes galegos

    A promoción do cinema, especialmente de produción galega, é xa un sinal de identidade da política cultural desenvolvida polo actual Goberno municipal. Polo auditorio municipal de Mondariz teñen pasado nos últimos catro anos cineastas galegos como Óliver Laxe, Paula Cons e Ignacio Vilar, entre outros, para presentar os seus filmes e conversar co público. Este mes de maio agárdase a visita de Ángeles Huerta e Álvaro Gago. Huerta, directora asturiana afincada en Galicia, presentará este venres 5 de maio o seu filme “O corpo aberto”, mentres que Gago, natural de Vigo, traerá “Matria” o sábado 20 de maio. Ambas proxeccións comezarán ás 21:00 horas no auditorio municipal de Mondariz, e rematarán con coloquios entre director e público. 

    Espectáculos teatrais e musicais

    Como en meses anteriores, o teatro volve estar presente na programación cultural do Concello de Mondariz. A compañía Talía Teatro presentará o espectáculo familiar “Lambetadas” este domingo 7 de maio ás 18:30 horas e representará a obra “Pelos na lingua” o 16 de maio ás 21:30 horas, ambas no auditorio municipal de Mondariz.

    Outros dos espectáculos programados para este mes xirarán arredor de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O 17 de maio, ás 18:00 horas, Trémola Teatro deleitará ás máis cativas co contacontos “Unha nova galaxia” na biblioteca municipal de Mondariz. O 19 de maio, ás 20:00 horas, este mesmo escenario acollerá a charla “Francisco Fernández del Riego e Mondariz”, a cargo de Malores Villanueva, autora do libro “Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia” (Galaxia, 2022). 

    O 21 de maio, ás 19:00 horas, Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo de narración oral “Romaría”, que recolle lendas tradicionais galegas que achegan o mundo rural aos máis pequenos.

    Para o mesmo Día das Letras Galegas (17 de maio) tamén está programado un concerto de Voces de Arrieiro no auditorio municipal de Mondariz a partir das 20:00 horas. A programación musical completarase o 27 de maio, a partir das 20:00 horas, co Festival de Cantos Populares que organiza a Asociación de Maiores de Mondariz, co apoio do Concello de Mondariz.

    Actividades arredor da lingua e da memoria histórica

    No “mes da lingua” tamén están programadas actividades relacionadas coa memoria histórica. O 12 de maio, Beatriz Busto dará unha charla titulada “A Galicia en NO-DO. Arquitectura da subalteridade cultural”, que está incluída no programa O Pasado por Vir da Deputación de Pontevedra. Beatriz Busto é investigadora e profesora asociada de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela. En 2016 defendeu a súa tese doutoral “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)”, relacionada coa charla que ofrecerá na biblioteca municipal de Mondariz. O 13 de maio, nestas mesmas instalacións municipais, presentarase “O libro negro da lingua galega” (Xerais, 2022), de Carlos Callón, que se presenta como unha crónica de cincocentos anos de represión e silenciamento da lingua galega.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS