3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz prepárase para unha nova edición de «Outono en Son»

    Mondariz prepárase para unha nova edición de «Outono en Son»

    Coros galegos e portugueses compartirán escenario na Praza de Abastos de Mondariz o vindeiro 5 de outubro

    O festival de música coral «Outono en Son» regresa este primeiro fin de semana de outubro a Mondariz para mostrar, por terceiro ano consecutivo, o rexuvenecemento e a orixinalidade deste xénero. A terceira edición do evento, promovido polo coro galego Mistura Vocal, conta coa colaboración do Concello de Mondariz.

    Os concertos están programados para o sábado, 5 de outubro ás 20 horas na Praza de Abastos, un espazo pouco habitual para actividades culturais pero que xa demostrou a súa idoneidade acústica e ambiental no pasado. A entrada será libre até completar aforo. 

    Outono en Son 2019 contará cunha selección de coros galegos e portugueses que se sitúan á vangarda da música coral e acreditan un gran palmarés neste eido. Por primeira vez, o festival recibe convidados doutros países e asume certo carácter internacional. A participación de coros portugueses, ademais, pon de relevancia a tradicional irmandade galego-portuguesa no eido do intercambio cultural.

    Abrirá o festival o coro anfitrión Mistura Vocal, que se atopa preparando a súa participación no concurso Gran Premio Nacional de Canto Coral, previsto para o mes de abril en Ejea de los Caballeros (Zaragoza), despois de gañar o concurso nacional de coros de San Vicente de la Barquera (Cádiz).

    Mistura Vocal está formado por cantores de toda a zona sur da provincia de Pontevedra e destaca por ter un variado repertorio musical. Baixo a dirección de Aloia Martínez, interpretarán obras corais que van dende o Romanticismo ata a actualidade, sen esquecer a música dos autores galegos contemporáneos.

    Continuará o Coro de Câmara de Barcelos, un conxunto vocal relativamente xove que está gañando unha notable relevancia. Os seus 12 integrantes interpretarán un variado repertorio de música contemporánea, principalmente, no que as obras de autores portugueses terán especial protagonismo.

    Pechará o festival o coro Coura Voce, unha formación feminina de 30 integrantes que xurdiu dunha colaboración entre a Câmara Municipal de Paredes de Coura e o Conservatório Regional do Alto Minho e traballa na valoración e divulgación da música vocal. Malia a curta idade das cantoras, este coro presenta moi variados e complexos repertorios. Nesta ocasión, afondarán na polifonía contemporánea e no folclore baixo a dirección de Vítor Lima.

    Estes tres coros, tal e como vén sendo habitual nos seus concertos, tratarán de aportar a máxima calidade ás súas interpretacións. O carácter profano da Praza de Abastos, unido á coidada iluminación do interior deste histórico espazo comercial despois da súa restauración, permitirá unha maior conexión popular con este tipo de música.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.