Bautista Mariño, Farruco, finado no pasado mes de agosto, foi o fundador e alma mater da mítica Orquestra Mariño, unha presada de músicos que amenizaron coa súa música os palcos de Mondariz e de toda a comarca do Condado entre 1956 e 1984. En 2005 a Asociación de Veciños Xabriña promoveu a gravación dun emocionante documental a cargo de TVE que dirixiu con profesionalidade o xornalista Xan Touceda.
Foi todo un éxito polo traballo dos instrumentistas e vocalistas, pero sobre todo porque escoitando o seu repertorio (Mujeres y vino, Todos queremos más, Caballito bandolero…) aqueles músicos conseguiron transportar ao auditorio á súa mocidade, aos mellores anos da súa vida.
Como queira que van xa 16 primaveras da súa emisión, a Asociación Ecocultural Búrbida púxose en contacto con Televisión Española para solicitar permiso para a súa proxección o vindeiro venres, día 17. TVE en Galicia accedeu á petición da asociación e dixitalizou o documental, para que puidese ser visto por todos os veciños e veciñas de Mondariz.
O traballo de TVE-G que se vai proxectar grazas á iniciativa e interese da Asociación Ecocultural Búrbida, é un valioso documento para a historia de Mondariz, onde poderemos ver a moitos veciños e veciñas que xa non están entre nós: Bautisma Mariño, a meirande parte dos seus músicos, o cronista Xoán Xosé Pérez Labaca, etc.
A asociación lembra, como todo acerto, que “coidar a nosa memoria, protexela, escribila, conservala, é propio dos seres humanos civilizados, porque así o pasado nunca pasa e somos conscientes do que fomos, do que fixemos e, só así, poderemos ser mellores no futuro”.
A Asociación Ecocultural Búrbida quere dar a grazas a Bautista Mariño e á súa familia. “Tamén aos seus músicos: Aparicio, Pucho, Suso de Diego, Tonio de Balbina, Blanco, Táboas, Videira, Sito, Tuno, Manolo e Manolito. Sodes, para sempre, unha parte da banda sonora da nosa vida”.
A proxección, que terá lugar o venres día 17 ás 21 h, no auditorio do Centro Social de Mondariz, conta coa colaboración do Concello de Mondariz.