12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesO Concello das Neves cede temporalmente unha casa a unha familia en...

    O Concello das Neves cede temporalmente unha casa a unha familia en situación extrema

    Carecían de posibilidade de acceder a un aluguer

    O Goberno local das Neves vén de aprobar a cesión, por razóns excepcionais de carácter humanitario, e co informe favorable dos Servizos Sociais do concello, dunha vivenda de titularidade municipal, situada na parroquia de Vide a unha familia sen recursos económicos e que non ten posibilidade algunha de acceder a un alugueiro.

    Esta familia está composta por seis membros, dous adultos e catro fillos que vivían, ata hoxe, nunha situación extrema, nunha vivenda sen unhas condicións mínimas de salubridade.  Así, aínda que sempre tentaron acceder a unha “vivenda normalizada”, non tiveron posibilidade de formalizar un aluguer, posto que o mesmo esixe a presentación de contrato laboral, fianza, seguro ou aval bancario, dos cales esta familia non dispón.

    Á vista da gravidade destas circunstancias, o Concello estimou a incorporación desta familia ao ‘Programa de Vivenda Baleira’ de xeito que poidan dispoñer desta casa por un período máximo de 2 anos, facéndose cargo dos gastos de auga, luz, alcantarillado, lixo e o mantemento da mesma; conservándoa en bo estado, ocupándose da súa limpeza e destinala, unicamente, a residencia, onde os Servizos Sociais do concello farán un seguimento.

    Non é a primeira vez que o Goberno local atende a necesidade urxente: hai xusto un ano cedeu, de xeito inmediato, outra casa para unha familia que perdera a súa nun incendio no que, traxicamente, falecera o pai.

    Agora aténdese esta necesidade imperiosa para evitar que estes veciños sigan vivindo en “condicións infrahumanas”.

    Este mesmo mércores, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar González Casas, supervisaron o estado da casa antes de entregarlle as chaves á familia. A vivenda está completamente amoblada e que dispón de electrodomésticos, calefacción e auga quente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.