Os traballos para que a nova Escola Infantil de As Neves sexa unha realidade seguen adiante, aínda que, segundo denuncia o Goberno local, “non coas garantías de seguridade necesarias e co ritmo para cumprir cos prazos comprometidos”.
Como verificaron membros do Goberno Municipal, as obras “están indo moi lentas e incúmprense normas elementais de seguridade, aínda máis considerando que as mesmas se realizan preto dun centro de ensino de Educación Infantil e Primaria”.
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, comproba cada semana que este feito repítese e deu aviso desta circunstancia á Xunta de Galicia en varias ocasións, unha situación que tamén causa malestar na Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) e a dirección do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé.
Precisamente por este motivo, dende o pasado xoves, día 24, o alcalde das Neves deu orde de deter os traballos no horario de entrada e saída dos rapaces. Agora, unha vez máis, sinala o rexedor local, dende o Concello veñen de comunicar estes feitos á Xunta e empresa adxudicataria da obra, “esixindo que se cumpran as normas de seguridade e, ao mesmo tempo, demandando que se revise o proxecto, que se cumpran todos os obxectivos de calidade requiridos e que os traballos estean rematados no prazo fixado”.
Orzamento de 300.000 € e capacidade para 20 nenas e nenos
Esta dotación escolar, que será posible grazas ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia, que aportará 225.000 € dos 300.000 orzamentados para esta obra, mentres que o Concello de As Neves achegará os 75.000 euros restantes, contará cunha superficie de 160 metros cadrados que abranguerán unha dependencia de usos múltiples, aulas, espazos de aseo, cociña ou almacén preparadas para acoller a 20 nenas e nenos.