O Concello de As Neves está a executar, dende hai varios días, o proxecto de mellora da mobilidade e seguranza viaria na rúa Rosalía de Castro e a súa contorna. As obras abranguen o ámbito da igrexa, a Praza de San Agustín e o aparcadoiro do Colexio.
Os traballos realízanse con cargo, ao cen por cen, ao plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra, contan cun orzamento de 254.868.02€ e estarán rematados en poucas semanas.
Retirada da ‘torre’ de Fenosa e prioridade para os peóns
Coa obra perséguese recuperar a conexión entre o centro urbano e a zona escolar, mellorar a mobilidade e seguridade e tamén acrecentar a calidade ambiental en todo o ámbito.
Os traballos no aparcadoiro inclúen a retirada da torre de Fenosa, unha antiga demanda da comunidade escolar, e definirán os espazos de aparcamento e de tránsito peonil. Na rúa Rosalía de Castro amplíase unha das beirarrúas, quedando aparcamentos en liña, e crearanse espazos da calidade ambiental usando o formigón impreso como elemento construtivo.
Na Praza de San Agustín increméntase o espazo, pasando a ser de plataforma única onde predominará o empedrado, que lle confire prioridade aos peóns.
Cambios no tráfico
Durante a obra está a haber cambios puntais no tráfico como o acceso aos aparcadoiros do cemiterio e a rúa Rosalía de Castro é temporalmente de entrada e saída.
Nos vindeiros días, co avance das obras, a rúa Doutor Martínez será de dobre sentido dende a Circunvalación só para residentes ao estar interrompido o acceso á Praza de San Agustín.
O tráfico, unha vez rematadas as obras será diferente ao actual, acollendo algunhas das demandas veciñais e as propostas de estudo de mobilidade urbana. A rúa doutor Martínez Rodríguez será de acceso a centro urbano e a rúa Rosalía de Castro permitirá a circulación en dirección ao Colexio, as dúas de sentido único de circulación.
Finalmente, a rúa Esperanza cambiará o sentido do tráfico pasando a ser descendente e a parada de taxis situarase no espazo de aparcamento entre a Igrexa e a Praza Maior.