11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesAs Neves avanza na recuperación do espazo público co Plan ReacPon da...

    As Neves avanza na recuperación do espazo público co Plan ReacPon da Deputación

    A actuación suporá a humanización da Travesía Eira da Liñaza enmarcada no modelo provincial de mobilidade sostible e nos ODS da Axenda 2030

    O Plan ReacPon da Deputación facilitará ao concello das Neves poder dar un novo paso cara á progresiva recuperación de espazo público na vila coa cofinanciación do proxecto de humanización da rúa Travesía Eira da Liñaza, cuxo convenio asinaron hoxe en Pontevedra a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, acompañados do vicepresidente provincial César Mosquera. Cun investimento total de case 400.000 euros, dos que a Deputación achega 359.798, a actuación está enmarcada no modelo de mobilidade sostible, a recuperación do espazo público para o uso da veciñanza, e nos obxectivos da Axenda 2030 e da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público.

    A presidenta Carmela Silva, puxo en valor “a claridade” que está a ter o Concello das Neves na súa firme “aposta sostibilidade, a accesibilidade, a mobilidade amable e pola recuperación do espazo público e por poñer ás persoas no centro de todas as decisións políticas”, con actuacións como esta humanización. “Non é o primeiro proxecto que se fai con estas características –destacou- e este concello ten unha enorme capacidade e iniciativa para tomar decisións transformadoras”. “Estou segura, dixo, de que esa construción de vilas amables ten unha enorme capacidade de fixar poboación e atraer a xente aos concellos, porque a xente quere vivir onde se vive ben”.

    A presidenta subliñou que a actuación cumpre os obxectivos da Axenda 2030 e “polo tanto cos proxectos de transformación mais avanzados que hoxe se están demandando”. ”Creo que entre o goberno local e a Deputación  a transformación que se ten feito nas Neves é moi visible e iso é unha aposta moi seria por ter unha provincia que se diferencia neses valores de sostibilidade que hoxe son a gran demanda e unha responsabilidade que temos”. Carmela Silva defendeu así mesmo “o respecto á autonomía municipal” que representa tanto este como os outros plans da Deputación: “Cremos que quen ten a lexitimidade para tomar decisións de investimentos son os alcaldes e alcaldesas elixidos pola cidadanía que se presentaron cun proxecto e son eles quen ten que desenvolver ese proxecto que conta co aval da veciñanza”.

    Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, destacou o Plan ReacPon como “un chanzo máis nunha maneira de entender o papel que ten que cumprir a Deputación respecto dos concellos, na que se pon por diante a capacidade de xestión e a autonomía municipal; creo que desde o municipalismo estamos todas as institucións locais moi satisfeitas desa maneira de facer que a Deputación ten adoptado xa desde o 2015 e quero deixar claro o noso agradecemento por esa forma de entender a acción política”. O rexedor sinalou que o proxecto na rúa Eira da Liñaza é “o corazón” do proxecto de peonalización que o Concello quere levar a todo o seu territorio. Nese senso, apuntou que a rúa obxecto de actuación está situada xunto a dotacións públicas como o colexio, a escola infantil ou o pavillón e próxima as rúas San Agustín e Rosalía de Castro, arranxadas con anterioridade tamén con fondos provinciais. “Construímos un espazo peonil que cambiou aquel ámbito –explicou Rodríguez- e agora isto é unha peza que conforma o itinerario pequeno do que é o gran proxecto de peonalización do concello”. “É o que chamamos ‘Vive nas Neves’ –engadiu-. Como queremos vivir, e como queremos atraer poboación e fixala nun concello como o noso que está na fronteira entre perder poboación e intentar gañala. E conseguir un obxectivo fundamental, que é facernos desexables. Que se veña porque se desexa vir ás Neves. E este proxecto disparará ese desexo de querer vir”.

    O vicepresidente César Mosquera deu os parabéns ao alcalde pola boa puntuación acadada polo proxecto. Subliñou que a axuda outorgada pola Deputación foi conseguida polo concello por méritos propios, “nada regalado”, ao ter presentado un proxecto de calidade para a recuperación do espazo público. O vicepresidente lembrou que o goberno provincial, á hora de poñer en marcha o programa ReacPON tiña tres obxectivos: poder cumprir soños municipais dificilmente abordables cos orzamentos ordinarios, inxectar fondos para dinamizar a economía, e tamén facer que os proxectos presentados polos concellos estivesen aliñados coa Axenda 2030 ou o ‘Next Generation’ coa idea de acadar posible financiamento comunitario e así poder liberar recursos provinciais que redundarían nos concellos para outros investimentos.

    O proxecto

    Unha vez humanizada, a Rúa Eira da Liñaza terá prioridade peonil para xerar así un espazo de convivencia onde o acceso de vehículos sexa case exclusivamente para as persoas residentes e o escaso tráfico o faga nun espazo cunha clara vocación peonil. Limitaranse tamén as zonas de aparcamento para cumprir cun mínimo para uso dos e das residentes.

    Estableceranse franxas verdes ao longo do seu trazado, outorgándolle a rúa un aspecto amable para fomentar a mobilidade a pé e permitir as conexións medioambientais. Amais, executarase un miradoiro con vistas ao Río Miño e a súa orografía, readaptando este espazo público para un uso plural e de interese na zona, na busca da recuperación de lugares de calidade para as persoas. Finalmente, acondicionaranse as redes de servizo existentes, mellorando a rede de fecais, e executando novas redes de pluviais e abastecemento en toda a rúa, debido ao seu estado deficiente. Ademais, instalaranse puntos adicionais do alumeado público naquelas zonas onde o requiran, garantindo plena visibilidade en toda a rúa para o seu uso peonil.

    O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.