10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesAs Neves amosa o seu malestar polo uso de glifosato por parte...

    As Neves amosa o seu malestar polo uso de glifosato por parte da Xunta

    O Goberno local das Neves vén de amosar o seu malestar polo uso, por parte da Xunta de Galicia, de herbicidas para tratar as beiravías das estradas autonómicas que pasan polo concello. Este malestar tamén foi trasladado polos veciños das parroquias nas que unha empresa contratada pola Administración galega está a empregar glifosato en lugar de rozar para acabar coa maleza.

    O uso deste herbicida causa preocupación entre os veciños que teñen as súas casas e fincas nas zonas nas que se está a sulfatar, aínda que dende a Xunta se asegura que non causa dano algún nin nos cultivos ni nos animais.

    Óscar González, segundo tenente de alcalde das Neves, indica que esta empresa fixo chegar unha carta ao Concello na que “nos informa de que ao longo do ano vai empregar ata tres veces este procedemento”, aínda que non indica en que datas concretas o vai facer.

    Este mesmo venres, día 15, os empregados desta empresa estiveron traballando nas estradas PO-400 e PO-415, nos treitos da Plisan a Vide e dende a rotonda da Plisan, pasando polas Neves ata o Stop, e na estrada PO-402 que vai dende Salvaterra a Vilasobroso e que pasa por Taboexa e San Pedro de Batalláns.

    González lembra que o Pleno do Concello aprobou unha proposta na que se rexeitaba o uso de herbicidas no término municipal de As Neves, unha decisión que foi comunicada á Xunta en varias ocasións recibindo como resposta que ao ‘sulfatarse’ nas estradas autonómicas a competencia é a decisión é exclusiva da Administración galega.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.