17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Deputación mellora a EP-4201 no tramo entra Setados e Ribarteme nas...

    A Deputación mellora a EP-4201 no tramo entra Setados e Ribarteme nas Neves

    Os traballos, que xa comezaron, teñen un orzamento próximo aos 300.000 euros e inclúen máis de 2,5 Km de cunetas tendidas para facilitar o tránsito peonil

    As obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide, ao seu paso polo concello das Neves, están en marcha cun investimento de 291.383 euros da Deputación. Os traballos, que ademais da pavimentación reforzan a seguridade na mobilidade peonil, foron visitados hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, acompañados polo tenente de alcalde, Marcelino Castro.

    A mellora abrangue un tramo de case 4 Km, dende o comezo da estrada en Setados, no cruzamento coa estrada autonómica PO-400, ata a igrexa e mosteiro de Santa Marta de Ribarteme, onde a Deputación xa realizou no ano 2019 unha significativa actuación de humanización para garantir a seguridade e a posta en valor desta contorna patrimonial, moi significativa para As Neves, pois alí celébrase unha das principais romarías populares de Galicia a finais do mes de xullo. As dúas obras quedarán así enlazadas optimizando a seguridade viaria e poñendo en valor esta contorna patrimonial.

    Gregorio Agís puxo en valor “a continuidade nas obras desta vía, que responden a unha programación e a un criterio de seguridade do século XXI dentro do modelo da Deputación”. Explicou que os traballos son financiados ao 100% pola Deputación ao tratarse dunha responsabilidade propia de conservación. O deputado anunciou que a entidade provincial seguirá “traballando nestas contornas rurais, porque entendemos que as estradas de calidade axudan a consolidar poboación”. O deputado remarcou que o proxecto inclúe a construción de 2.550 metros lineais de cunetas transitables nas zonas con maior presión peonil para garantir a tranquilidade das persoas que camiñan polas beiras.  Esta solución, que aproveita a cuneta para ofrecer un firme moi similar ao dunha senda, xa está a funcionar con éxito en moitas estradas provinciais.

    Xosé Manuel Rodríguez subliñou que a mellora das comunicacións entre a zona urbana das Neves e a igrexa de Santa Marta era unha vella ambición. “O tránsito a pé, dentro dun ámbito tan singular, ao que acode moita xente camiñando dende a parte sur do territorio municipal o día da romaría, vaise facer agora dunha maneira máis ordenada”. Destacou que a obra encaixa coa intención do Concello de dotar a tódolos espazos municipais de rutas peonís seguras, “así que a colaboración institucional coa Deputación é ben saudada dende o Concello, porque contribúe a alcanzar os obxectivos que nos temos fixado”.

     As obras que agora se executan, cun prazo de execución de 6 meses, enmárcanse no modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, e veñen dar resposta ás necesidades detectadas polo departamento provincial de Infraestruturas. Consisten na reposición do firme da estrada, a mellora da drenaxe con instalación de tubaxes, habilitación das novas cunetas de seguridade e a completa renovación da sinalización horizontal e vertical. O proxecto, despois da exhaustiva revisión do firme da estrada, determina que é necesario sanear 540 metros cadrados, mentres que noutros 3.600 basta cun tratamento da superficie. A situación do firme obrigará a fresar noutros 5.350 metros cadrados e posterior extensión de asfalto en quente. Outros 15.900 metros cadrados da EP-4201 recibirán un microaglomerado en frío. As obras rematarán co pintado de todo o tramo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.