Mércores, 11 Decembro de 2024

O PP de Salceda vota, unha vez máis, en contra de pagar as facturas dos provedores

O Goberno local asegura que o Partido Popular "decide seguir na súa liña de ir en contra da acción de Goberno, sen importarlle que os proveedores poidan ou non cobrar polos traballos realizados para o Concello"

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda lamenta o acontecido na Comisión Informativa celebrada onte, onde unha vez máis o Partido Popular de Salceda “seguiu na liña de votar en contra do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que permitirá o pago de 783.121,60 € a diferentes provedores do Concello de Salceda”, sinala o executivo local.

A concelleira de Facenda, Lucía Pereira, asegurou non existir “ningún motivo” para non pagar a proveedores e empresas, “en moitos casos de Salceda, que realizaron os seus traballos ou ofreceron os seus servizos”. Pereira considera “de extrema gravidade poñer en risco os ingresos de todos eles polos intereses dun partido político”.

O REC debatirase nun pleno extraordinario o vindeiro xoves 23. A pesares de acreditar a existencia suficiente de crédito nas diferentes partidas orzamentarias e liquidez nas contas bancarias do Concello, “o Partido Popular decide seguir na súa liña de ir en contra da acción de Goberno, sen importarlle que os proveedores poidan ou non cobrar polos traballos realizados para o Concello”.

O equipo de Goberno non dubidou á hora de cualificar de “enorme irresponsabilidade” a actitude do Partido Popular, “que defende os seus intereses sobre os intereses, neste caso, das empresas e autónomos que traballan para o Concello de Salceda”. Lembran dende o Equipo de Goberno, que na relación de pagos “inclúense facturas de servizos fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar, para o cal o Concello de Salceda leva feito un esforzo importante de incremento de horas para poder atender a todas aquelas persoas que o precisan, así como facturas derivadas de rogos e peticións presentadas polos diferentes grupos da corporación”.

O equipo de Goberno lémbralle aos populares que o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito “é unha figura legal para «evitar o enriquecemento inxusto da Administración»” e subliña o feito de que o informe de Intervención sinala tamén que “existe crédito suficiente nas aplicacións adecuadas do orzamento para 2019 para a imputación das obrigas cuxa aprobación se propón”.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira que cualificou de “cuestión de responsabilidade” pagar as facturas aos provedores “canto antes” xa que o Concello “conta con liquidez suficiente”, destaco o feito que “Salceda é un municipio dinámico no que os servizos medran continuamente, o cal require un maior esforzo orzamentario”.