Domingo, 16 Marzo de 2025

‘O Estourazo’ homenaxeará á Agrupación Gaiteira de Salceda polo seu décimo aniversario

O vindeiro sábado 17 de xullo, Salceda celebrará o tradicional Estourazo co que se dá o pistoletazo de saída ás Festas do Cristo e coa Agrupación Gaiteira de Salceda como colectivo homenaxeado. Serán polo tanto as persoas integrantes desta agrupación as encargadas de disparar o foguete.

A Agrupación Gaiteira de Salceda foi elixida polo Equipo de Goberno xa que leva dez anos poñendo a nota musical no estourazo que anuncia as Festas do Cristo. A Agrupación, creada especificamente para este acto, reúnese unha vez cada ano, xuntando gaiteiros, gaiteiras e percusionistas de Salceda de Caselas e doutros concellos: O Porriño, Salvaterra de Miño, Tui, Ponteareas, Vigo, etc., e unindo, deste xeito, a compoñentes de numerosos grupos tradicionais de Salceda e arredores.

O colectivo foi creado hai 10 anos por Tere Pérez, sendo concelleira de Cultura, nun grande esforzo por unir aos grupos de música tradicional e conseguir crear unha gran Agrupación Gaiteira.

Precisamente se algo caracteriza a esta agrupación é o xeito de unir a xente de moi diferentes niveis musicais, co único obxectivo de gozar da música tradicional e onde, ano tras ano, as persoas máis experimentadas axudan ás máis novas, sempre nun ambiente cordial e de compañeirismo. A Agrupación Gaiteira de Salcheda chegou a reunir ata 70 persoas nalgunhas edicións.

Nin sequera a COVID19 detivo á agrupación, realizando unha presentación reducida a unas 30 persoas no pasado ano, e que nesta edición ha volver a superar xa o medio centenar de compoñentes. Para iso, son varias as semanas que levan ensaiando, sempre ao aire libre e mantendo a distancia interpersoal en distintos puntos da vila para prepararse para a gran cita anual.

O Estourazo, que este ano celebra a súa décimo segunda edición, serve cada ano para marcar o inicio das festas do Cristo. A cita serve para recoñecer a traxectoria de asociacións e colectivos de Salceda que teñan destacado no ano en curso, e por ela xa levan pasado asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais, sanitarios, etc., e este ano tamén contará co desfile previo polas rúas da vila do colectivo homenaxeado.

Aínda que este será o segundo ano sen verbenas na Praza do Concello, dende a Concellaría de Cultura traballouse para intentar manter vivo o espírito das festas. Deste xeito, durante toda a semana celébranse actividades culturais, e tamén se mantén o tradicional estourazo.