Venres, 28 Marzo de 2025

A alcaldesa de Salceda solicita á Subdelegación do Goberno “un reforzo da vixilancia” de cara a garantir á seguridade da veciñanza

A alcaldesa de Salceda de Caselas, nun escrito dirixido á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, vén de pedir un reforzo da vixilancia no Concello de Salceda de Caselas por parte dos diferentes corpos de seguridade do Estado, “garantindo a seguridade da nosa veciñanza”.

No seu escrito, a alcaldesa de Salceda salienta que nas últimas semanas “estamos a detectar un incremento de actos de incivismo no noso municipio que están a afectar a convivencia pacifica e o descanso da nosa veciñanza” citando entre outras as aglomeracións nas zonas de ocio nocturno, ruidos ata altas horas, incumprimentos das normas vinculadas á COVID 19, festas en vivendas particulares, etc.

Do mesmo xeito Loli Castiñeira cualifica de “moi preocupante” o incremento de actos de condución temeraria “que fan que ultimamente se nos estea a facer coñecedoras de carreiras ilegais de coches, derrapes e outras accións temerarias que poñen en serio perigo a seguridade de viandantes, así como do resto de vehículos que fan uso das vías públicas”.

Foto de arquivo dunha das últimas reunións da Xunta Local de Seguridade antes da pandemia da COVID-19

Para a rexedora local de Salceda, estas actitudes non son algo circunscrito ao concello de Salceda de Caselas, senón que tamén se está a dar nos concellos da contorna polo que, sinala “é un problema global que está a afectar á sociedade nun momento tan complexo como o que estamos a vivir por mor da pandemia do coronavirus”.

O Concello de Salceda de Caselas –explica Castiñeira– conta na actualidade con unha plantilla de policía local formada por cinco axentes e un auxiliar, “o que fai inviable unha cobertura 24 horas e coa presenza precisa para afrontar tódolos feitos que vimos de mencionarlle”. Salienta a alcaldesa “a continua comunicación entre o Concello e a Garda Civil do cuartel de Torneiros (Porriño)” comujnicación que se fai, sinala “cun afán absoluto de colaboración por ambalasduas partes”.

“Pensamos que se está a facer un bo traballo pola súa banda aínda que tamén somos conscientes da carencia de medios no seu corpo, sobre todo no que a persoal se refire”, apunta Loli Castiñeira.

En todo caso a alcaldesa considera “importante” un reforzo na vixianza que se presta no municipio, “en aras a manter a seguridade da veciñanza e a evitar que poidan suceder acontecementos que teñamos que lamentar, como por desgraza xa aconteceu en algunha ocasión”.

Remata Loli Castiñeira adiantando que, nas vindeiras datas, convocará unha Xunta Local de Seguridade “na que poder analizar esta e outras cuestións”.