O concello de Mos retoma, tras o parón debido á COVID, as viaxes para os seus veciños e veciñas maiores de 55 anos. A primeira viaxe con destino á Mariña Lucense para maiores de 55 anos e residentes en Galicia realizarase os días 22, 23 e 24 do vindeiro mes de outubro.
O prezo por persoa da viaxe é de 129 euros incluíndo traslados, comidas, aloxamento de duas noites en habitación dobre en hotel de tres estrelas, e visitas a: Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro, Mondoñedo e Lugo.
O prazo de inscrición nesta excursión abrirá o próximo luns 20 e rematará o luns 27. A inscrición pode formalizarse nas oficinas da OMIX, no edificio Multiusos das Pozas en horario de 9 h a 14 h.
Os obxectivos da iniciativa son dar resposta á demanda da cidadanía veciña de Mos que desexa volver a viaxar, facer visitas culturais e artístico históricas, favorecer o coñecemento doutras cidades e provincias, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización, impulsar a participación e integración social das persoas na comunidade, e previr a soidade.
Un aspecto moi importante a destacar deste tipo de saídas, é que fortalece os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendéndoo este como aspecto imprescindible a desenvolver ó longo da vida.
Os/as interesados/as en obter máis información sobre esta viaxe poden chamar por teléfono ao número 986 33 94 04.