Luns, 17 Marzo de 2025

En marcha a reparación do empedrado do Camiño da Rúa en Mos

As pezas de granito en mal estado substitúense por outras novas, poñendo en valor o Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Mos, na contorna do Pazo dos Marqueses

Desde o xoves, atópanse en marcha os traballos de reparación do pavimento de granito do Camiño de Santiago no Camiño da Rúa da Parroquia de Mos, mediante a retirada das pezas en mal estado non recuperables coa substitución por outras das mesmas características.

A reparación de pezas soltas e movidas faise para acadar a planeidade idónea para o tránsito dos peregrinos nunha lonxitude de 42 metros lineais. O custo da obra acada ós 23.275 euros e finánciase a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia, destinada a axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.

A reparación do pavimento de granito do Camiño de Santiago no Camiño da Rúa da Parroquia de Mos era unha necesidade urxente e moi necesaria, xa que debido ao paso dos anos as infraestruturas foron deteriorándose, sobre todo co paso dos vehículos por esta zona. Coa peatonalización desta zona e o arranxo das zonas danadas, quérese conseguir dotar de valor o entorno do Pazo de Mos e a preservación do patrimonio local nas mellores condicións posibles.