18.6 C
Pontevedra
Martes, 8 de Outubro de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosConde destaca a confianza de Benteler para desenvolver o seu modelo piloto...

    Conde destaca a confianza de Benteler para desenvolver o seu modelo piloto de Fábrica 4.0 en Mos

    Salienta o reto tecnolóxico que está a afrontar Benteler para dixitalizar toda a súa cadea de produción e subministración nas dúas plantas que ten en Galicia

    O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou a confianza de Benteler en Galicia ao investir 9 millóns de euros nas súas plantas de Vigo e Mos para desenvolver o seu modelo piloto de fábrica intelixente (Fábrica 4.0), o que contribúe ao liderado da industria galega da automoción.

    Nunha visita á nova factoría que a empresa inaugurou hai un par de anos en Mos (no Parque Empresarial PEMOS Veigadaña), acompañado pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, Conde salientou o reto tecnolóxico que está a afrontar Benteler para converter estas instalacións na súa planta de referencia en España e no modelo piloto de fábrica 4.0 para todo o grupo. Unha experiencia que, agora, vai trasladar á planta de Vigo, coa dificultade engadida de que alí este proceso de transformación dixital se vai realizar mentres continúa de forma simultánea a actividade produtiva e industrial.

    O vicepresidente económico puxo en valor o dobre esforzo que está a realizar Benteler para dixitalizar toda a súa cadea de valor que, segundo dixo, conta co apoio da Xunta a través do programa Fábrica Intelixente. Un programa que, nas catro edicións que se levan convocado, xa permitiu financiar 24 proxectos de I+D con axudas por case 73 millóns de euros, cun capital mobilizado de 272 millóns  e un total de 68 empresas e organismos de investigación públicos e privados beneficiados.

    Benteler é unha das empresas que lidera eses proxectos porque participa nas dúas últimas convocatorias deste programa con axudas que, en total ascenden a 1,6 millóns de euros. Concretamente, na convocatoria que se acaba de resolver este ano, a Xunta ampliou un 40% o orzamento, que acada os 21 millóns de euros, para apoiar nove proxectos —incluído o de Benteler en Vigo—, nos que participan 23 empresas e seis organismos de investigación, coa previsión de que se poidan chegar a mobilizar 57 millóns e crear máis de 80 novos empregos.

    Conde concluíu asegurando que Benteler, con 650 empregados en Galicia e unha facturación de preto de 200 millóns de euros, é “unha empresa de referencia dentro do sector da automoción” que está facendo en Galicia un importante investimento “en talento e novas tecnoloxías”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.