Mércores, 11 Decembro de 2024

Carlos Font denuncia o “veto do PP” á Deputación nun acto da Asociación de Empresarios de Mos

O deputado provincial cualifica de “intolerable” a presión dos populares aos diferentes colectivos para que as administracións non gobernadas polo PP non teñan voz

O deputado e voceiro do grupo socialista na Deputación de Pontevedra, Carlos Font, denunciou hoxe “o veto intolerable do Partido Popular ás persoas representantes da institución, que este venres tiñan confirmada a súa presenza no acto de celebración do XXV Aniversario da Asociación de Empresarios de Mos”. Font explicou que “a nosa deputada tiña sido invitada a intervir no evento e horas despois, de xeito incomprensible, a Deputación foi alertada pola organización de que, amais de que non podería participar, só terían a palabra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e o vicepresidente da Xunta e presidente do PP provincial, Alfonso Rueda”.

Font denunciou “as lamentables prácticas dos populares, que se dedican a presionar aos diferentes colectivos para que nos actos que organicen non teñan voz as administracións que non gobernan eles”. O deputado sinalou que “entendemos que a Asociación de Empresarios de Mos viuse obrigada a modificar o protocolo que xa había confirmado á Deputación de Pontevedra, porque coñecemos perfectamente as presións que están a exercer desde a Xunta e o Partido Popular que, –engadiu Font– só se pode achacar ao nerviosismo que xa non poden controlar ante a inminencia das eleccións xerais e autonómicas”.

O deputado provincial rematou dicindo que “é inadmisible que nunha democracia que xa cumpriu corenta anos, haxa partidos como o PP que utilice o poder institucional para obrigar a colectivos e asociacións a cambiar os seus protocolos e facer aquilo que lle din”. En calquera caso, dixo, “tampouco podemos sorprendernos demasiado de actitudes como estas da alcaldesa de Mos ou do presidente provincial Alfonso Rueda, cando son a práctica habitual como ben coñecen as asociacións da provincia”.