O Concello de Mos comezou un novo obradoiro de emprego que leva por nome “SOMOSMOS”, tras a clausura hai un par de semanas doutros dous obradoiros, o “Mos Peregrino” e “Mocidade no Camiño”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, déronlle a benvida na Axencia de Colocación de Mos ao equipo directivo e docente e aos 20 alumnos traballadores do “SOMOSMOS” que se formarán nas especialidades sociosanitaria e albanelería durante 9 meses.
A mediados do pasado mes de setembro a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concedíalle unha axuda de 376.946 € ao Concello de Mos para a posta en marcha do Obradoiro dual de Emprego “SOMOSMOS” que permitirá que 20 mosenses poidan formarse nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas no seu domicilio e albanelería.
A través da especialidade de albanelaría vanse realizar actuacións no Paseo do Río Louro que consistirán na reparación dos bordos do paseo e a consolidación de soleiras existentes, reparación de cimentacións de mobiliario urbano, así como reparacións de muros. Actuarase tamén no Muíño do Cubo onde se van a realizar obras de delimitación da parcela, limpeza das paredes do Muiño e consolidación destas e da canle, realizadas en mampostería de pedra do país e obras de rehabilitación necesarias para a restauración e conservación do Muiño.
A especialidade de atención sociosanitaria, está enfocada a poder cubrir con persoal cualificado a alta demanda de postos de emprego neste sector. Este obradoiro conseguirá que a súa cualificación non sexa só teórica senón que os alumnos poderán poñer en prácticas os seus coñecementos adquiridos con exemplos diarios de atención. É necesario realizar unha substitución xeracional entre os actuais traballadores e que mellor forma que aprender da experiencia deles. Ademais existe un crecemento na demanda destes servizos debido ao envellecemento da poboación e o crecemento da esperanza de vida.