Todos os clubes e deportistas individuais mosenses con logros deportivos durante os últimos 4 anos serán homenaxeados o vindeiro luns, 13 de xuño e Día da Rosa, ás 20h no Multiusos das Pozas, no acto titulado Xoga Mos c@s Mellores. Son un total de 90 galardoados que inclúen 4 mencións especiais: a Florentino Soliño Rodríguez, que leva máis de 50 anos na directiva do Alerta Club de Fútbol, a Alejandro de Miguel e Alberto Costas, e unha homenaxe póstuma ao gran Alejandro Gómez.
Entre os galardoados hai deportistas e clubes das disciplinas máis variadas e variopintas, desde o coñecido como deporte rei, o fútbol, ata os máis exóticos como a capoaeira. E é que Mos conta con campións das disciplinas deportivas máis variadas, “Mos é terra de DEPORTE con maiúscula. De deportistas de primeiro nivel”, aseguran a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, José Areal.
“Non hai mes que non recibamos no Concello a un deportista ou clube, ou varios, para felicitalos polos seus novos logros deportivos. E non son méritos menores, xa que temos en Mos desde campións provinciais ata autonómicos, de España, de Europa e incluso do Mundo”, insiste Arévalo, rexedora local.
Por iso queda claro que Mos atópase moi ben situado no mapa deportivo, destacando no fútbol, co UD Mos Feminino en Primeira Nacional, ou con Rubén Blanco e Brais Méndez no primeiro equipo do RC Celta (Brais ademáis debutou como internacional coa Selección Española). E en disciplinas tan variopintas e variadas como: A Capoeira. O Taekwondo. E outras disciplinas de artes marciais (Taekwondo) e deportes de contacto (Kick Boxing e Full Contact)… O Tiro con Arco. A Hípica. O Xadrez. O Ciclismo. A Natación. O Atletismo. O Alpinismo. O Tenis de Mesa. A Patinaxe. Deportes de Motor e Náuticos, O Baile, O Balonmán, O Deporte Adaptado, …
Ademais en Mos hai campións de todas as idades, desde a categoría biberón do Club Louro Tameiga e Unión Deportiva Mos, ata a gran Celia Iglesias, nadadora do Club Natación Mos con máis de 90 anos.
Campións auténticos referentes a nivel mundial, e con pavillóns deportivos municipais mosenses bautizados co seu nome. Como son os 3 grandísimos e inigualables: Óscar Pereiro. Patricia Martínez. E Soledad Castro.
Grandes mulleres deportistas que triunfan en disciplinas nas que habitualmente destacan os homes: Susana Alonso Carballo: bicicleta de montaña. E Verónica Romero: alpinismo, expedicións polares e atletismo de alto rendemento competindo contra homes. Toda unha amalgama que suma 90 galardóns, que serán entregados o vindeiro luns, co deporte mosense como verdadeiro protagonista para poñer o broche de ouro ao Día da Rosa.