Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Ibuprofeno Teatro presenta “O Mel non caduca” este venres no Teatro Municipal

O aforo será do 85%. Marián Bañobre e Avelino González protagonizan esta obra

Marián Bañobre e Avelino González protagonizan “O Mel non caduca” a comedia que Ibuprofeno Teatro presenta este venres, 15 de outubro, ás 21.30 h no Teatro Municipal de Tui dentro da programación de outono.

Trátase dun espectáculo ambientado no universo das abellas e do mel que explora a relación do ser humano cos obxectos, a degradación ecolóxica do planeta, e a obsolescencia programada, tanto dos produtos coma das persoas. 

Santiago Cortegoso é o autor e director desta peza teatral na que dous irmáns volven á casa familiar na aldea tras a morte da súa nai e cómo xestionar as pertenzas familiares fai aflorar o conflito entre os dous.

A peza teatral recibiu o premio de Mellor Actor, no Festival de Teatro Galego Celso Parada, e foi candidata á categoría de Mellor Actor nos XXIV Premios Max.

As entradas están en venda en www.tui.gal aos prezos de 8€ e 6€ até o venres ás 20.30 h.

Coas novas medidas que entraron en vigor o pasado sábado o aforo do teatro amplíase até o 85% é dicir, 470 butacas. Cómpre lembrar que en www.tui.gal están á venda xa as entradas para todos os espectáculos da programación de outono.

O Mel non caduca

Ibuprofeno Teatro

Ibuprofeno Teatro foi fundada en 2010 por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre para sacar adiante proxectos de xeito independente.

Comezaron con catro espectáculos de pequeño formato – “A filla de Woody Allen”, “Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios”, “Fitness” e “O Furancho” – aos que seguiron “Raclette” e “Casa O’Rei”.