12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTui«Contos do chupete», o xoves 2 de xaneiro na Biblioteca de Tui

    «Contos do chupete», o xoves 2 de xaneiro na Biblioteca de Tui

    O contacontos para bebés, que correrá a cargo de «Migallas Teatro», forma parte do programa de Nadal do Concello de Tui

    A Biblioteca Pública Municipal de Tui completa a súa oferta de actividades de Nadal este xoves, 2 de xaneiro, ás 17 h, cunha sesión de contacontos dirixida a bebés e nenos e nenas con idades entre 0 e 3 anos. Correrá a cargo de Migallas Teatro co titulo de ‘Os contos do chupete’.

    ‘Os contos do chupete’ é unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, canción e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés na que gozar en familia.

    A actividade parte de que Bea ten un problema. O seu lobo leva chupete… Cada vez que llo intentan quitar, chora. Pero chora moito… a quen se lle conte, un lobo con chupete! Está desconsolado. Contos, cantos e cancións serán a solución.

    É unha sesión de contacontos na que participan tanto os cativos e cativas como os seus pais e nais, pois está orientada para toda a familia.

    A Concellería de Cultura tudense con esta actividade promovida pola Biblioteca Municipal, continúa desenvolvendo a súa aposta pola promoción e animación á lectura entre todos os segmentos de idade, neste caso para os usuarios máis cativos, para eles tamén hai sitio na Biblioteca Municipal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.